Axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP)

A Consellería do Mar publica as bases reguladoras das axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, para a anualidade 2024.

O Edificio Virxe do Carme, do Porto Pesqueiro de Vigo, acollerá o luns 12 de febreiro a xornada de presentación desta convocatoria de axudas. O obxectivo deste evento é explicar as diferentes contías das axudas e cales son os criterios de selección que permiten acceder a elas. As persoas interesadas en asistir, deberán cumprimentar este formulario.

Quen pode solicitar estas axudas?

  1. Pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas
  2. Persoas xurídicas sen ánimo de lucro:
    1. Confrarías de pescadores e as súas federacións
    2. Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións
    3. Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro
    4. Entidades públicas locais
    5. Asociacións declaradas de utilidade pública
    6. Entidades sen ánimo de lucro

Que tipo de proxectos son subvencionables?

Os proxectos e actuacións subvencionables deberán acadar algún dos obxectivos indicados a seguir:

  1. Aumento do valor, creación de emprego, valoración e fomento da participación das mulleres, atracción de persoas mozas e promoción da innovación en todas as fases da cadea de produción e subministración dos produtos da pesca e a acuicultura, e a mellora da imaxe destes produtos e a actividade produtiva a nivel local para a súa incorporación á cultura alimentaria do territorio.
  2. Fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas mediante o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, a aprendizaxe permanente e a creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.
  3. Impulso e aproveitamento do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático.
  4. Fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, incluíndo o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.
  5. Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais.

Ata cando se pode presentar as solicitudes?

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 1 de marzo de 2024.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Recorda consultar a orde completa antes de facer a solicitude.

 

 

Mércores, 7 February, 2024 - 18:00

Compartir