A Rede Eusumo da a coñecer o emprendemento en economía social en Redondela

O persoal técnico da Rede Eusumo desprazouse ata a Casa da Cultura do Concello de Redondela para achegar o emprendemento en economía social á veciñanza.

A xornada estivo centrada en dar a coñecer as características e particularidades das entidades de economía social, principalmente das cooperativas e das sociedades laborais, co obxectivo de que o público asistente puidese adquirir coñecementos básicos na materia.

Ademais, os técnicos aproveitaron a ocasión para trasladar exemplos e experiencias reais do proceso de emprendemento baixo a fórmula do modelo cooperativo e informar dos diferentes apoios e axudas que ofrece a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ás entidades de economía social.

O evento conseguiu reunir a máis de 50 persoas, entre as que se atopaban o alumnado do Obradoiro de Emprego dual, das especialidades formativas de forestal, xardinaría, agricultura ecolóxica e carpintaría, así como as persoas do Plan Integrado de Emprego.

 

Rede Eusumo, un proxecto para o fomento da economía social

A Rede Eusumo leva máis de dez anos fomentando o emprendemento en economía social a través da organización de diversas actividades divulgativas como esta en Redondela. Así é que, desde o ano 2017, máis de 14 000 persoas asistiron a actividades relacionadas co coñecemento da economía social.

Ademais deste tipo de charlas e encontros divulgativos, dende a Rede tamén se realizaron máis de 500 actividades nas que en total participaron máis de 30 000 persoas. Entre estas actividades, inclúense numerosas formacións en liña e híbridas para que as persoas incrementasen as súas habilidades para o emprendemento, relacionadas cos procesos de constitución, a comunicación, a contabilidade ou o coaching.

Por outra banda, a Rede Eusumo dispón dun itinerario de emprendemento para axudar ás persoas emprendedoras a abordar o seu proxecto, independentemente da fase na que se atope (creación, consolidación ou busca de financiamento). Ata a actualidade, apoiáronse máis de 800 proxectos e constituíronse máis de 120, creándose así máis de 600 postos de traballo.

 

Luns, 25 March, 2024 - 08:30

Compartir