A Xunta apoia a aposta de Aceesca pola integración laboral das persoas con discapacidade intelectual

O Porriño (Pontevedra), 28 de agosto de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou esta mañá no Porriño a cafetaría Lume, que alberga un programa de formación dual de hostalaría desenvolvido pola Asociación de apoio ás persoas con diversidade intelectual (Aceesca). Trátase dun proxecto financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que permite combinar a formación coa atención ao público.

Segundo destacou Marta Mariño, o obxectivo é que as persoas con discapacidade intelectual poidan obter un certificado de profesionalidade para exercer un oficio e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral ordinario. Mediante contratos de formación en alternancia a través de Aceesca e a práctica no centro habilitado, avanzarán na súa capacitación para que -unha vez finalizado o proxecto- poidan atopar unha oportunidade en empresas de hostalaría da contorna.

A maiores deste proxecto que solicitaron por vez primeira este ano, Aceesca tamén desenvolve un programa de formación dual de xardinaría, campo no que xa levaran a cabo unha iniciativa deste tipo no marco da convocatoria ao efecto da Xunta 2019-2022. No caso da presente convocatoria, a achega autonómica global -para a vertente da hostalaría e para a da xardinaría- supera os 167.000 euros.

 

Centro Especial de Emprego

Cómpre engadir que a Asociación de apoio ás persoas con diversidade intelectual tamén recibe axudas para o seu Centro Especial de Emprego (CEE) Lume, no marco da orde que contempla achegas para as unidades de apoio, para sufragar os custos salariais e para a asistencia técnica e barreiras arquitectónicas, que este ano conta cun orzamento de 25,75 millóns de euros.

Lume é un CEE sen ánimo de lucro centrado en integrar as persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral, así como en reforzar a inserción destas persoas na empresa ordinaria.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Mércores, 28 August, 2024 - 14:30

Compartir