A Xunta apoia o Centro Especial de Emprego Trameve para impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade e o tratamento ambiental de vehículos

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou en Santiago de Compostela o Centro Especial de Emprego (CEE) Trameve, pertencente a Galega de Economía Social, matriz do grupo Cogami Empresarial. Alí, puxo en valor o apoio da Xunta a este centro onde máis do 92% das persoas traballadoras ten discapacidade.

En concreto, o Goberno galego vén contribuíndo nos últimos anos ao mantemento dos custos salariais do CEE Trameve, cunha axuda concedida este ano de preto de 100.000 euros. Unha achega que se enmarca na convocatoria específica para centros especiais de emprego dotada neste 2024 cun total de 25,75 millóns. Ademais da liña de custos salariais, contempla apoios para financiar nos CEE as unidades de apoio á actividade profesional e para promover a creación de postos estables para persoas con discapacidade e a adaptación de postos e asistencia técnica nestes centros.

O secretario xeral destacou a aposta de Trameve polo tratamento medioambiental de vehículos fóra de uso, avogando por procesos limpos e seguros que respectan a contorna e promoven a reutilización das pezas. Nesa liña, puxo de relevo o labor deste CEE dentro da economía social galega, avanzando non só na inclusión das persoas con discapacidade senón tamén nunha liña de negocio solidaria e respectuosa co medio ambiente, combinando así rendibilidade económica, ambiental e social.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Venres, 30 August, 2024 - 14:45

Compartir