A Xunta avanza no seu compromiso para impulsar un novo xeito de xerar riqueza e emprego nos IV Premios de Sostibilidade Empresarial de Galicia

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na clausura da IV edición dos Premios de Sostibilidade Empresarial de Galicia, no marco dunha xornada organizada pola Xunta para convidar ao debate e para recoñecer as boas prácticas implantadas na nosa Comunidade en materia laboral, ambiental e social, así como no fomento da conciliación e da corresponsabilidade.

No acto -no que tamén estiveron presentes o presidente da Confederación Empresarial Galega e os máximos representantes das catro patronais provinciais, así como outras persoas destacadas do tecido económico galego- o conselleiro cualificou a sostibilidade empresarial como imprescindible na concepción actual do noso tecido produtivo. No eido laboral, destacou a crecente aposta polo emprego de calidade, pola formación, pola redución das taxas de absentismo ou pola igualdade entre homes e mulleres, cunha maior presenza feminina nos órganos de goberno. 

Tamén puxo en valor as empresas innovadoras polo seu coidado e respecto do medio ambiente, apostando pola produción sustentable, polo aforro ou polo tratamento de residuos. No campo social, salientou o recoñecemento da diversidade ou o compromiso coa comunidade e, no relativo á conciliación, os cada vez máis numerosos exemplos de corresponsabilidade e de equilibrio entre a vida laboral, familiar e persoal.  

Nese senso, González tivo unha mención especial para os galardoados cos Premios de Sostibilidade Empresarial de Galicia: o Club Celta de Vigo, premiado na categoría de mediana empresa e representado no acto polo director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta; Congalsa (A Pobra do Caramiñal), recoñecida na de grande empresa e cuxo galardón recolleu a directora de relacións externas da compañía, Isabel Cañas; e Aplicaciones de bombeo industrial (Carral), distinguida polo seu papel destacado na conciliación, recibindo o galardón o seu director xerente, Ángel Rodríguez. Así, puxo de relevo o labor feito por elas e por tantas outras empresas en diferentes ámbitos e recollendo tamén o testemuño dos premiados en anteriores edicións.

 

Estratexia Galega de RSE 2023-2025

Agradecendo tamén a implicación dos que hoxe deron pé ao intercambio de experiencias e impresións na conferencia e na mesa de debate organizadas a prol da sostibilidade empresarial, o titular de Emprego amosouse convencido de que avanzamos cara a un modelo de xestión integral a longo prazo que persegue un crecemento sostible, ético e equilibrado, integrando as dimensións económica, social e medioambiental en cada estratexia, proceso e elemento da cadea de valor.

No marco dese enfoque global para acadar unha Galicia igualitaria, responsable e competitiva, na que empresas e Administración -dixo- deben ir da man, resaltou que a Xunta está a aplicar a Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial 2023-2025. Ao abeiro do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, búscase promover así que as nosas empresas medren atendendo de forma equilibrada ás variables económicas, ambientais, sociais e de bo goberno.

Nese sentido, quixo poñer en valor o programa Responsabilízate, que acada xa a súa cuarta edición e que ofrece ás entidades interesadas un asesoramento 100% gratuíto destinado á transformación a un modelo de negocio ambiental, social e economicamente sostible. Cunhas 200 empresas adheridas neste 2024, de sectores como a construción, o turismo, a tecnoloxía, a formación, a produción agroalimentaria ou a hostalaría, permite dotalas dun acompañamento integral, formación e servizos de consultaría gratis por parte dun grupo de expertos para desenvolver iniciativas adaptadas as súas necesidades, recursos e prioridades.

O conselleiro concluíu que, sen dúbida, contamos co mellor tecido produtivo para seguir avanzando cara ao progreso, engadindo á súa función de referente pola súa vertebración do territorio e xeración de riqueza e emprego o compromiso coa sostibilidade empresarial en beneficio da nosa economía.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Martes, 3 September, 2024 - 12:15

Compartir