A Xunta destaca na UDC a súa aposta pola economía social como modelo solidario que xera riqueza e emprego pegados ao territorio

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na charla A economía social como impulso do emprendemento celebrada na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC) co gallo de dar a coñecer esta fórmula entre o alumnado. Alí, puxo de relevo a segunda Estratexia da Xunta de Galicia para seguir consolidando este modelo empresarial solidario que xera riqueza e emprego pegados ao territorio.

Na súa intervención, Fernández puxo a acción universitaria a prol da economía social como mostra da colaboración que se vén mantendo coa UDC en materia de emprego, que este ano suporá novos apoios para impulsar feiras ou premios ao emprendemento nos seus diferentes campus. Para seguir facendo crecer esta fórmula, xa está en marcha a Estratexia galega da economía social horizonte 2027: Economía social para unha Galicia sustentable, coa que se persegue xerar 4.000 empregos, crear 400 novas entidades e posicionar o modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable.

O secretario xeral amosouse convencido de que a comunidade universitaria terá moito que dicir para cumprir estes obxectivos, nun marco no que se quere posicionar a economía social no conxunto da economía de mercado e nos distintos sectores grazas á súa transversalidade, poñendo o foco na mellora da capacitación das persoas, na maior competitividade das entidades e no reforzo do traballo en rede.  

Apostarase así pola posta en marcha dunha rede de aceleradoras, a través dos Polos de emprendemento e apoio ao emprego; por atraer ideas e investimentos á economía social galega e por implantar programas para identificar oportunidades de negocio; así como por crear un campus formativo para a capacitación de axentes intermedios e persoal de xestoría. Entre as metas, atópase tamén a de reducir o tempo de constitución das entidades, unha idea que se levará tamén á nova Lei de cooperativas, na que se está traballando da man do sector.

Orzamento da Xunta para a economía social

Para seguir dándolle pulo a esta fórmula empresarial, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración reforza en 2024 o orzamento destinado a este ámbito, que aumenta nun 3 % superando os 43,6 millóns de euros. Artellaranse en tres grandes eixes de actuación: a difusión da economía social, a creación e consolidación de iniciativas e a promoción do emprego inclusivo.

Así, no que levamos de ano xa se teñen convocado máis de 36 millóns de euros en axudas para apoiar a creación e consolidación de entidades da economía social e para impulsar desde esta o emprego inclusivo. Activáronse iniciativas de apoio aos Centros especiais de emprego (26 millóns), a empresas de inserción (1,5 millóns) ou para impulsar a transformación verde e dixital a través do Bono Consolida (2,7 millóns).

Mobilizáronse ademais axudas por 5 millóns para apoiar o emprego en cooperativas e sociedades laborais a través do programa Aprol Economía Social e case 700.000 euros para que as 98 entidades que integran a Rede Eusumo desenvolvan accións de divulgación, formación e asesoramento.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

 

Mércores, 24 April, 2024 - 17:00

Compartir