A Xunta impulsa as entidades da economía social como motor de crecemento sustentable con apoios de 2,7 M€
Mazaricos (A Coruña), 14 de agosto de 2024
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou hoxe as instalacións da sociedade cooperativa Piensos Alborés, adicada á fabricación e distribución de pensos para a alimentación animal e beneficiaria do Bono consolida economía social en 2024 cun apoio de 30.000 euros.
Esta liña de axudas, dirixida especificamente a sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego, ten como obxectivo prioritario apoiar a consolidación das entidades da economía social, así como reforzar a súa presenza no tecido económico de Galicia, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética.
Alí, Marta Mariño lembrou que, con estes apoios, dotados cun orzamento total de 2,7 millóns de euros, a Administración autonómica quere contribuír ao impulso da actividade económica destas fórmulas de negocio como motor de crecemento sustentable, incrementando a súa competitividade e mantendo empregos de calidade.
Ademais, remarcou que a Xunta de Galicia ten en marcha na actualidade a segunda Estratexia da economía social, unha planificación con horizonte 2027 e un orzamento de 174 millóns de euros coa aspiración de xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. O documento, que se desenvolve de xeito transversal en colaboración cos distintos departamentos autonómicos, aspira a mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades dentro da economía social, para enfrontar os retos do novo contexto socioeconómico e para consolidar o seu crecemento continuo en Galicia.
A directora xeral tamén salientou a importancia do proceso de escoita activa que se está a levar a cabo con todos os axentes da economía social para o deseño da nova Lei de cooperativas, un novo marco legal para flexibilizar e facilitar a creación de novas entidades e axudar a que as existentes avancen na súa profesionalización e dixitalización.
Bono consolida economía social 2024
A través desta convocatoria, beneficiaranse entidades de economía social, inscritas nos rexistros administrativos de Galicia e que contan cunha antigüidade mínima de 42 meses.
Con apoios de ata 30.000 euros por entidade, o Bono consolida economía social permite financiar o 90% dos investimentos -realizados entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024- en equipamento informático, desenvolvemento de software, plans de protección de datos, eficiencia enerxética ou de marketing ou imaxe corporativa.
No marco destas axudas, a Administración autonómica tamén concede ata 600 euros para actividades formativas dirixidas aos socios das entidades afiliados ao réxime de traballo autónomo.