A Xunta impulsa a través de Foroesgal o diálogo e a cooperación activa co sector da economía social para fortalecer o seu impacto en Galicia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, mantiveron unha reunión con representantes do Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal) co obxectivo de abordar as accións conxuntas que se desenvolverán a través do convenio anual entre a Xunta de Galicia e este actor chave da economía social. Na xuntanza estiveron presentes o presidente de Foroesgal, Herminio Martínez, e a representante do Foro na Confederación Empresarial Española de Economía Social (Cepes), Isabel Fraga –presidentes tamén, respectivamente, de Cegasal e Aeiga–.
En Foroesgal están representadas as cinco entidades máis representativas da economía social galega, que son: a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga), a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Unión de Cooperativas Galegas (Espazocoop).
O conselleiro destacou a importancia de manter unha canle de diálogo constante e unha colaboración activa con todo o sector, estratéxica para reforzar a presenza da economía social galega tanto a nivel nacional como europeo, así como para dar visibilidade ao seu papel como axente clave no desenvolvemento económico e social do país.
Tamén subliñou a necesidade de continuar promovendo a economía social como motor de crecemento sustentable, xeradora de emprego de calidade, inclusive e vencellado ao territorio. A Xunta continúa avanzando na implementación da 2ª Estratexia Galega da Economía Social Horizonte 2027, que busca consolidar este modelo nos sectores verde, industrial, tecnolóxico e dixital. Ademais, nun contexto especialmente relevante pola conmemoración do Ano Internacional das Cooperativas, o Goberno galego segue avanzando na elaboración da nova Lei de Cooperativas de Galicia coa participación activa de todos os axentes implicados. A futura normativa buscará simplificar trámites administrativos para facilitar a creación de novas cooperativas e garantir a consolidación das xa existentes, fortalecendo así o ecosistema da economía social en Galicia.
Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración