A Xunta salienta a visión transversal das axudas ao emprego con apoios aos autónomos e emprendedores, á economía social e ás pequenas e medianas empresas

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe como invitado no XXIX Almorzo Foro Empresa Pontevedra, celebrado na cidade do Lérez, onde interviu nun coloquio sobre O fomento do emprego como ferramenta de cohesión social.

O secretario xeral centrou a súa intervención na visión transversal das políticas de emprego da Xunta de Galicia, explicando o mapa de axudas que existe a disposición das persoas autónomas e emprendedoras, da economía social e das pequenas e medianas empresas. Tamén destacou os apoios á contratación das persoas desempregadas con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Sobre o colectivo dos autónomos, informou dos programas de axudas que xa se poden solicitar como é o caso da cota cero para novas altas. Ata o vindeiro 30 de setembro está aberto o prazo para optar ás axudas do programa de promoción do emprego autónomo, que este ano inclúe o financiamento ao 100% da cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade. Ata o de agora, a Xunta recibiu para este programa máis de 2300 solicitudes, unha iniciativa para que as persoas traballadoras autónomas poidan facer fronte aos gastos xerados no comezo e mantemento do negocio, salientou Fernández. Do total, preto de 850 solicitudes son da provincia de Pontevedra, preto dun 40%.

Así mesmo, está aberto tamén o prazo de solicitude dos apoios con ata 7000 euros para realizar melloras nos establecementos (Bono Autónomo), dotado con 8 millóns de euros; e das axudas con ata 8000 euros para os que desexen volver emprender tras o cese de actividade (Bono Nova Oportunidade). Este último programa conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

Ata o 30 de setembro tamén pódense solicitar as achegas que -cun importe de 1,3 millóns de euros- buscan impulsar a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador e, como novidade este ano, cunha maior contía se contratan mulleres. Neste caso, inclúense dous tipos de axudas compatibles entre si: o bono de contratación e o bono de formación para impulsar a cualificación no posto de traballo das persoas traballadoras indefinidas empregadas.

Fernández informou, ademais, que cun investimento de 1 millón de euros, convocáronse este mes no Diario Oficial de Galicia (DOG) os apoios para que as persoas traballadoras autónomas que teñan fillos ou persoas maiores ou dependentes ao seu cargo conten con axudas para contratar a persoas que os substitúan no exercicio da súa actividade ou poidan recorrer a servizos de coidado.

 

Apoios á contratación

Con respecto aos apoios dirixidos á empresa para a contratación de persoas desempregadas, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade conta, entre outros, co programa Galicia Emprega, dotado cun orzamento de 17,5 millóns de euros, para incentivar a contratación indefinida dos colectivos máis vulnerables: a mocidade, persoas paradas de longa duración, persoas emigrantes retornadas, estranxeiros, mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e maiores de 52 anos. O prazo de solicitude destes apoios tamén está aberto.

O secretario xeral referiuse, así mesmo, á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que se consolidaron, segundou apuntou, como centros para atraer novos proxectos empresariais de dentro e fóra de Galicia. Está Rede, tal e como salientou, está pensada sobre todo para dinamizar as zonas nas que operan, para activar a actividade económica no rural co obxectivo de fixar poboación.

Para rematar, falou da economía social, un modelo pegado ao territorio e co que a Xunta avoga tamén para a promoción do emprego inclusivo. Lembrou que a nova Lei de cooperativas, que se está a deseñar, perseguirá axilizar a creación de entidades, minimizando a burocracia para seguir avanzando na cohesión social e do territorio, xerando emprego igualitario. Así mesmo, neste eido, estase a executar a II Estratexia de economía social que busca xerar 4000 empregos e o posicionamento deste modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial.

Outra das ferramentas da Xunta neste ámbito é a Rede Eusumo, impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.

Fonte: Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

 

Xoves, 1 February, 2024 - 11:00

Compartir