A Xunta destaca a industria láctea como garantía de futuro para o rural

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiron hoxe ao acto organizado pola marca Bico de Xeado para presentar os seus novos sabores, onde sinalaron a industria láctea como garantía de futuro para o rural.

Diego Calvo eloxiou o labor realizado por Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, propietaria da marca Bico de Xeado, e das granxas O Cancelo, en Miño, e A Esperanza, en San Sadurniño, onde se produce o leite para a elaboración do xeado. O conselleiro referiuse á importancia de apostar polo sector leiteiro e polo potencial do leite como materia prima, co obxectivo de consolidar a marca Galicia como garantía de calidade tanto na produción en orixe como na transformación.   

Pola súa banda, Ana Méndez salientou a aposta de Bico de Xeado polo selo de Galicia Calidade, levando o distintivo por todo o territorio nacional e sorprendendo aos consumidores con novos xeados, innovando e coas marcas da calidade e o produto saudable como bandeiras.  

A empresa coruñesa conta co distintivo de calidade dende o ano 2021 superando no 2022 os 20 millóns de euros de facturación. Unha aposta pola calidade e a economía circular, destacou a directora-xerente de Galicia Calidade, e de posta en valor do leite producido polas vacas da propia cooperativa.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

 

Martes, 2 July, 2024 - 13:00

Compartir