Rueda destaca o apoio da Xunta para que Galicia sexa unha terra de oportunidades na que empresas e cidadáns prosperan

Ourense, 11 de decembro de 2024

O presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reivindicou a Galicia como unha terra chea de oportunidades para que empresas e individuos sigan prosperando.

Durante a súa intervención na Gala das Empresas Ourensás 2024, organizada pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO), o presidente da Xunta destacou o labor desta entidade e da súa presidenta durante os seus case 50 anos de actividade.

Ademais, Rueda recoñeceu o traballo das empresas premiadas e expuxo algunhas das políticas nas que o Goberno galego traballa para acompañar ás empresas, especialmente ás pequenas e aos autónomos, para “axudar nos momentos nos que é necesario”. Así, o presidente da Xunta lembrou a eliminación das trabas burocráticas, a creación da Oficina Económica de Galicia “para escoitar e guiar” e así reforzar a dinamización da economía galega, o esforzo por adaptar a oferta formativa, o traballo para o retorno de galegos e galegas no exterior, ou a reedición do Bono Comercio.

O titular do Executivo galego tamén aproveitou a súa intervención para apuntar a algúns dos desafíos aos que se enfronta o tecido empresarial galego, como son o absentismo e as vacantes, así como para solicitar o apoio do sector empresarial para atraer proxectos tractores para a economía galega e seguir sendo unha terra acolledora e de oportunidades.

Gala das Empresas Ourensás 2024

Na entrega de premios da Gala das Empresas Ourensás 2024, Bandepellet recibiu o premio Empresa Sostible, a Calzados Marfil outorgóuselle o premio Comercio, Cova da Xabreira foi recoñecida como Empresa Innovadora, a Cooperativa Santa Mariña de Loureiro co premio Responsabilidade Social Empresarial, Gómez y Crespo como Empresa familiar e Redegal co premio José Manuel Pérez Canal á Exportación.

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Mércores, 11 December, 2024 - 18:30

Compartir