A Xunta destaca o valor da cooperación transfronteiriza para potenciar a economía social e o emprendemento

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe na xornada de presentación do proxecto Es-Factory: rede de aceleradoras de economía social para impulsar e consolidar empresas en novas actividades emerxentes de Galicia e do norte de Portugal, liderado pola Xunta de Galicia. Alí ambos puxeron en valor a importancia da cooperación transfronteiriza entre entidades de ambas partes para impulsar mellores prácticas no ámbito da economía social.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais interveu na inauguración da xornada, onde destacou a aposta do Goberno galego por impulsar a profesionalización do ecosistema emprendedor, así como por atraer e reter talento. Neste ámbito puxo en valor o labor da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta con 14 polos tras a inauguración de onte do Polo de Sarria.

Con ela, expuxo, a Xunta busca impulsar o emprendemento da man de todos os axentes implicados para crear actividade económica e emprego de calidade, vertebrando o territorio e garantindo o crecemento e progreso de Galicia. Tamén mencionou o Mapa de emprendemento posto en marcha pola Xunta, un espazo virtual (http://www.mapaemprendemento.gal) que integra por primeira vez o ecosistema galego con todos axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio.

Ademais Pablo Fernández referiuse ao proxecto piloto de coliving no que traballa o Executivo autonómico para darlle un pulo ao emprendemento no rural atraendo nómades dixitais, en colaboración coa asociación Sende, que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving de Europa. Todas estas medidas, lembrou, contribuíron a que Galicia fose recoñecida pola Unión Europea co premio Rexión Emprendedora Europea 2025.

 

Observatorio da Economía Social

Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, presentou o Observatorio da Economía Social de Galicia e norte de Portugal actividade que forma parte do proxecto Es-Factory, e posteriormente moderou a mesa redonda relacionada con entidades de economía social.

En relación co observatorio salientou que ten como fin fortalecer e visibilizar a economía social en Galicia e norte de Portugal, así como propiciar o intercambio de experiencias e coñecemento de axentes, asociacións e demais interlocutores. Para iso aglutina accións como o deseño dun atlas de entidades de economía social e un directorio con información sobre novos sectores representativos.

 

Es-Factory

O proxecto Es-Factory foi aprobado no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 que promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea. Está liderado pola Xunta de Galicia e composto por un consorcio de organizacións, no que están integrados, ademais da Xunta, Agaca, EspazoCoop, Aesgal, USC, Utad, TecMinho, e In Cubo e as súas actuacións desenvolveranse ata setembro de 2026.

Esta iniciativa promove a cooperación transfronteiriza entre entidades de Galicia e o norte de Portugal facilitando o intercambio de experiencias no ámbito da economía social e fomenta a igualdade de oportunidades e a inclusión de persoas para promover o emprendemento.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

 

Mércores, 3 July, 2024 - 17:00

Compartir