Por admin_eu, 7 Setembro, 2026
Entrevistamos a Agustina Patiño, socia promotora da asociación comunidade Migrarte

1. A arte emerxente enfróntase ao reto de "saber venderse" ou da xestión diaria. Cal é esa necesidade real que detectastes nos artistas e que Migrarte vén solucionar?

Detectamos que moitas persoas artistas teñen talento e obra, pero non sempre contan coas ferramentas para xestionar a súa carreira: comunicar o valor do seu proxecto, acceder a convocatorias, crear rede e monetizar o seu traballo. Migrarte vén cubrir esa fenda con formación, mentorías, oportunidades seleccionadas e conexións reais co ecosistema cultural.

2.Que importancia teñen a colaboración e a creación de comunidade dentro do voso proxecto?

A colaboración e a comunidade son centrais. No sector cultural as oportunidades non xorden só do talento individual, senón tamén das redes de confianza. Migrarte traballa como ponte entre artistas, espazos, institucións e territorios, para que a profesionalización non sexa un proceso illado senón compartido.

3.Que impacto concreto queredes ter na carreira das persoas que se sumen hoxe a Migrarte?

Queremos que cada persoa que se sume a Migrarte poida recoñecer mellor o valor da súa proposta, acceder a oportunidades, mellorar a súa comunicación e ampliar a súa rede profesional. O impacto buscado é que conte con máis ferramentas, información e conexións para facer sostible a súa práctica artística.

4.Cal foi o momento ou a experiencia concreta que vos fixo dicir: "Por isto valeu a pena lanzar Migrarte"?

Un dos momentos máis claros foi cando Sira Rodríguez, a quen coñecemos no Festival MATE, se incorporou a Migrarte e, a través da comunidade, conectou coa artista arxentina Carola Narváez. Tempo despois puido viaxar á Arxentina para participar no Mercado de Música do NOA, ao que tamén chegou grazas a unha conexión xerada nun encontro de Migrarte co seu director. Alí, Julieta e mais eu acompañabamos a produción do mercado e vimos en vivo a primeira presentación conxunta de Sira e Carola. Nese momento sentimos que Migrarte estaba cumprindo a súa función: facer que as conexións deixasen de ser unha idea e se convertesen en oportunidades reais. Tamén nos pasou no Festival MATE, cando artistas seleccionados nos contaban que se presentaran porque viran a convocatoria en Migrarte. Esas experiencias confirmáronnos que a plataforma pode abrir camiños concretos para a profesionalización, a circulación e a colaboración artística.

MIGRARTE EN DATOS

  • Ano de creación: 2020 (proxecto/plataforma) · 2026 (asociación cultural)
  • Nº de persoas traballadoras: 3 persoas no equipo actual, máis equipo internacional de colaboradoras externas segundo os programas
  • Ámbito de actividade: cultura, educación, profesionalización artística, economía social, formación, mentorías, convocatorias e conexión internacional
  • Web: https://migrarte.com 
  • + 900 persoas usuarias e máis de 600 artistas formados, dunha comunidade presente en máis de 15 países.
  • Dimensión internacional con especial presenza en España, Portugal, Arxentina, México, Colombia, Brasil e conexións con outros territorios iberoamericanos.
  • Premios: 
    • Premio á innovación na categoría de Economía Laranxa, Concello / Municipalidad de Córdoba, Arxentina 2021.
    • Premio de Innovación, Fundación Banco Santander e Universidade Siglo 21, Arxentina 2022.
    • Finalistas dos Globant Awards / Women that Build Awards, na categoría Mulleres en Tecnoloxía, España 2023.
       
Entrevista Migrarte

Data

Categoria