Por admin_eu, 16 Setembro, 2026
Entrevistamos A Furna, cooperativa audiovisual

1.Quen sodes e que historia hai detrás de A Furna?

Somos Illa e Uxía, dúas mulleres que estudamos Realización Audiovisual porque queríamos adicarnos a contar historias. A realidade, porén, levounos por outros camiños e, durante un tempo, o audiovisual quedou máis como unha ilusión pendente que como unha profesión.

Ata que chegou un momento no que nos preguntamos: e se, en lugar de seguir esperando a que apareza unha oportunidade, a creamos nós?

Así naceu A Furna.

Comezamos dúas persoas con formación audiovisual, moitas ganas de traballar nisto e bastante máis ilusión que certezas. E decidimos facelo dende Laxe, o lugar que escollemos para vivir e no que queremos construír o noso proxecto de vida.

Porque se xa non é doado abrirse camiño no sector audiovisual sendo mulleres, facelo dende o rural pode parecer aínda máis difícil. Pero precisamente aí atopamos unha das razóns para facelo. Non queriamos que vivir en Laxe significase ter que marchar para poder desenvolver unha carreira profesional no audiovisual. Queremos demostrar, tamén coa nosa propia experiencia, que dende o rural se pode traballar, crear e vivir do audiovisual.

E, nese camiño, apareceu o modelo cooperativo. Dende o principio tiñamos claro que, se íamos crear algo dende cero, queríamos facelo xuntas e dunha maneira na que as dúas tivésemos voz e capacidade para decidir. A Furna acabou sendo non só unha maneira de entrar no sector que tanto nos gustaba, senón tamén unha maneira de construír o tipo de proxecto no que queriamos traballar.

2.Que vos namorou do modelo cooperativo?

Quizais o máis bonito do modelo cooperativo é que nos permite construír A Furna ao noso xeito.

Non queríamos crear unha empresa para facer traballos audiovisuais. Queríamos crear un lugar de traballo no que nos sentísemos representadas, no que as decisións fosen compartidas e no que o proxecto tivese sentido tamén máis alá da súa parte económica. Para nós, cooperar significa que o proxecto é das dúas e que medra coas dúas. Significa poder apoiarnos, repartir responsabilidades e aprender xuntas, pero tamén asumir xuntas os riscos e as decisións.

Aínda estamos aprendendo moito do que significa ser unha cooperativa, pero precisamente iso tamén nos gusta: sentir que estamos construíndo algo que non vén dado, senón que imos descubrindo polo camiño.

3.Que tipo de historias queredes contar a través de A Furna e que buscades achegar ao sector audiovisual?

Interésannos as historias que están preto de nós: as persoas, os lugares, a cultura, a memoria e todo aquilo que forma parte dun territorio e que ás veces pasa desapercibido. Queremos contar historias dende o rural, pero sobre todo queremos contalas dende dentro do rural. Non mirar cara a el dende fóra nin convertelo nun escenario idealizado, senón formar parte das historias que contamos e darlles espazo ás persoas que as protagonizan.

4.Como imaxinades o futuro de A Furna? Que novos retos ou proxectos vos gustaría afrontar?

A Furna xa nos permitiu conseguir algo que cando comezamos parecía bastante difícil: hoxe podemos dicir que estamos vivindo do audiovisual dende Laxe. Para nós, iso xa é un gran logro, pero tamén é o punto de partida para pensar no seguinte paso.

Agora queremos que A Furna medre. E un dos retos que máis ilusión nos fai é que a cooperativa deixe de ser un proxecto de dúas persoas e poida incorporar unha nova socia, alguén que comparta a nosa maneira de entender o traballo e coa que poidamos seguir construíndo o proxecto.

Tamén queremos seguir medrando nos proxectos que facemos para outras persoas e entidades, pero pouco a pouco ir abrindo máis espazo para desenvolver proxectos propios, especialmente documentais e propostas audiovisuais ligadas ao territorio e ás historias que nos interesa contar.

Aínda non sabemos exactamente como será A Furna dentro de cinco ou dez anos. Pero sí temos bastante claro o que queremos conservar polo camiño: poder vivir do audiovisual dende Laxe, facelo xuntas, seguir contando historias que nos importan e conseguir que o proxecto medre sen perder a esencia coa que naceu.

A Furna cooperativa

Data

Categoria