Por admin_eu, 8 Xuño, 2026
CPR Plurilingüe Abrente – Adigna S. Coop Galega, recoñecido pola Xunta polo seu compromiso coa difusión dos valores cooperativos

O CPR Plurilingüe Abrente – Adigna S. Coop Galega, de Sanxenxo, será recoñecido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no certame Cooperativismo no ensino 2026. O centro foi galardoado cun accésit na Categoría D polo traballo “Sementando novas voces”, un proxecto que destaca pola súa contribución á promoción dos principios e valores do cooperativismo entre o alumnado.
 

A entrega de diplomas terá lugar este martes 9 de xuño, ás 9:00 horas, no Auditorio de Sanxenxo. O acto contará coa presenza de José Antonio Rodríguez Fachado, director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Pontevedra, quen fará entrega do diploma que acredita este recoñecemento.
 

Como parte da celebración, a compañía de artes escénicas Galeatro representará o espectáculo de títeres “Carabela volve aos mares”, unha adaptación do texto teatral de Paula Carballeira. A obra conta a historia de Carabela, a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico e que, rodeada de peixes mutantes, paxaros afectados pola contaminación e residuos que non alimentan, tenta sobrevivir grazas á súa imaxinación. Para combater a soidade constrúe unha Nena de Plástico á que lle relata historias do mundo exterior. Xuntas emprenden unha aventura que pon en valor a cooperación, o coidado do medio ambiente e a capacidade de transformar as dificultades en esperanza a través do traballo compartido.
 

Promovendo o cooperativismo desde as aulas
 

O certame Cooperativismo no ensino é unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a difundir e promover os valores do cooperativismo entre o alumnado galego de todas as etapas educativas, desde educación infantil ata formación profesional e ensinanzas de réxime especial. A través desta convocatoria búscase impulsar actividades que fomenten o traballo en equipo, a responsabilidade compartida, a participación democrática e a solidariedade.
 

A entrega destes galardóns nos diferentes centros premiados, que se desenvolve ao longo do mes de xuño, constitúe unha antesala da celebración do Día do Cooperativismo Galego, que terá lugar o vindeiro 4 de xullo nas Bodegas Martín Códax, coincidindo co Día Internacional das Cooperativas. Esta conmemoración serve para poñer en valor a contribución das cooperativas ao desenvolvemento económico e social, á creación de emprego de calidade e á construción dunha sociedade máis inclusiva, participativa e sostible.
 

cooperativismo nas escolas

Cooperativismo nas escolas

Data

Categoria