Por admin_eu, 4 Xuño, 2026
ForoESGal celebra o Día da Economía Social Galega presentando o informe ‘Diagnóstico da Economía Social en Galicia: retos e oportunidades’

O Foro pola Economía Social Galega (ForoESGal) celebrou o pasado 29 de maio en Santiago de Compostela o Día da Economía Social Galega, unha conmemoración que serviu como escenario para a presentación do informe “Diagnóstico da Economía Social en Galicia: retos e oportunidades”, elaborado baixo a coordinación de Elena Rivo e Mónica Villanueva (Universidade de Vigo). Este informe complementa os estudos que cada ano publica o CECOOP, da Universidade de Santiago de Compostela, sobre a Economía Social galega, así como o portal estatístico GALESTAT.

Segundo os resultados do informe da Universidade de Vigo, máis dun de cada dez empregos en Galicia depende actualmente da economía social, un sector que supera as 7.000 entidades, xera preto de 25.000 postos de traballo directos e que acaba de superar por vez primeira na súa historia as 2.000 cooperativas activas, cun crecemento na creación de cooperativas do 40% nos últimos cinco anos.

As 2.000 cooperativas activas agrupan a case 80.000 persoas socias e xeran unha facturación próxima aos 3.500 millóns de euros. A maior parte das cooperativas creadas concéntranse en Pontevedra e A Coruña, que aglutinan máis do 50% das novas constitucións, e no sector servizos, que xa representa o 40% das cooperativas e o 82% das sociedades laborais.

Máis aló do cooperativismo

A economía social galega engloba tamén a centros especiais de emprego de iniciativa social, que dan traballo a 1.235 persoas, das que case o 90% teñen algún tipo de discapacidade. As empresas de inserción -que pasaron de 12 a 16 nos últimos cinco anos- manteñen un 63% de persoal feminino e operan en sectores como os servizos ambientais, a restauración ou a agricultura ecolóxica.

Identifícanse seis ámbitos que lideran os números da economía social, como son os coidados e a atención domiciliaria, a economía circular e a xestión de residuos, os servizos ambientais e agroforestais, a transformación alimentaria e as cadeas curtas de subministración, o turismo e a cultura, e a dixitalización inclusiva. Sectores que responden a necesidades reais do territorio galego, como son o envellecemento da poboación, o despoboamento rural e a transición ecolóxica, e que xeran empregos non deslocalizables.

Colaboración internacional

O informe sinala tamén o potencial da fronteira con Portugal como espazo de cooperación para servizos compartidos en pequenos municipios, citando experiencias xa consolidadas como a Eurociudad Tui-Valença ou Chaves-Verín, e enumera sete desafíos estruturais que frearon ata o de agora a expansión da economía social no ámbito local, como é a falta de visibilidade e de formación técnica nos concellos, a infrautilización da contratación pública reservada, as limitacións de escala das entidades, a excesiva dependencia duns poucos sectores tradicionais, a fragmentación entre administracións, o escaso aproveitamento da fronteira con Portugal e a necesidade de establecer alianzas estables co tecido empresarial convencional.

Para abordalos, o informe propón medidas concretas como programas de formación para o persoal municipal, pregos de modelo de contratación responsable validados por deputacións ou pola Xunta, consorcios comarcais de servizos, mesas locais de cooperación público-social-empresarial e oficinas técnicas de apoio a proxectos transfronteirizos.

O informe sitúa á economía social galega en sintonía coas tendencias máis avanzadas a nivel europeo, e lembra que en España existen xa máis de 75.000 empresas e entidades de economía social, que xeran preto de 1,3 millóns de empregos. En Europa, o sector está integrado por máis de 4,3 millóns de empresas que empregan a 13,6 millóns de persoas e representan o 6,2% do emprego total.

Así mesmo, o estudo recolle boas prácticas de Escocia, Bélxica, Polonia, Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido, desde o programa Buy Social Scotland ata as cooperativas multiservicio francesas, como referencias replicables para o contexto galego.

As intervencións da Xornada

Xunto aos datos do novo Informe da Universidade de Vigo, o presidente de ForoESGal, Mino Martínez, valorou positivamente a Lei 1/2026 integral de impulso da economía social, publicada o pasado mes de abril no Boletín Oficial do Estado, e pediu ao Gobierno central que “siga escoitando ao sector para continuar avanzando”.

Respecto á nova Lei Galega de Cooperativas, cuxo anteproxecto leva meses en fase de informes preceptivos, Martínez apelou á Xunta para que non quede bloqueada nun trámite administrativo, que incorpore as demandas do sector e que chegue ao Parlamento canto antes cunha base de consenso que lle outorgue estabilidade.

Pola súa banda, o delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, subliñou durante a inauguración da xornada o valor das entidades de economía social para crear riqueza e emprego ao servizo do ben común, e reivindicou a nova Lei Integral de Impulso da Economía Social, “construída desde o diálogo co sector”.

Ademais, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou os valores dunha economía que sitúa ás persoas no centro e mostrou todo o apoio do Concello de Santiago a estas iniciativas.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou o acto lembrando as numerosas medidas impulsadas polo seu departamento en favor da economía social, así como a Estratexia Horizonte 2027.

Fonte: Observatorio Español de la Economía Social y del Trabajo Autónomo

Día Economía Social Galega

Data

Categoria