Por admin_eu, 23 Febreiro, 2026
A Mar de Rico: un proxecto para fomentar o consumo de pesca artesanal e a alimentación sustentable

FUNDAMAR, a Confraría de Pescadores de Vigo e a Unión de Cooperativas Galegas-Espazo Coop unen forzas no proxecto A Mar de Rico, unha iniciativa financiada pola Rede Eusumo da Xunta de Galicia que busca poñer en valor os produtos da pesca artesanal de proximidade e promover hábitos de consumo máis responsables e sustentables.

O proxecto aposta por un modelo de alimentación baseado no produto local e de tempada, apoiando ao mesmo tempo a economía social e os sectores pesqueiros tradicionais de Galicia. Para iso, conta cunha proposta innovadora: a participación de alumnado de Formación Profesional dos ciclos de Actividades Comerciais e Márketing, que está a desenvolver propostas de emprendemento orientadas a promocionar o consumo de peixe e marisco como opción de alimentación saudable, sostible e de apoio á economía local.

Deste xeito, A Mar de Rico convértese tamén nunha oportunidade de aprendizaxe real para os e as estudantes, que aplican os seus coñecementos nun proxecto con impacto directo na comunidade.

No marco desta iniciativa, o alumnado está a realizar unha enquisa dirixida á mocidade de entre 12 e 25 anos para coñecer os seus hábitos de consumo de produtos do mar. A participación é voluntaria e anónima. Se queres colaborar, podes facelo a través das canles do teu centro educativo.

A Mar de Rico: un proxecto para fomentar o consumo de pesca artesanal e a alimentación sustentable

Data

Categoria