Por admin_eu, 23 Febreiro, 2026
A Xunta concede axudas de máis de 700.000 € a 38 empresas da área de Vigo a través do Bono Consolida Economía Social para mellorar a súa competitividade

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou este luns as instalacións de Orballo Automoción, unha das empresas beneficiarias do Bono Consolida Economía Social. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que beneficiou a 38 entidades da área territorial de Vigo por un importe de 710.000 euros na anterior convocatoria e que ten como obxectivo apoiar a transformación dixital, a eficiencia enerxética e a competitividade de cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego.

As representantes autonómicas e os responsables de Orballo Automoción sinalaron que a axuda concedida, cun importe de máis de 24.000 euros, permitiu investir na compra dun vehículo híbrido de apoio e de equipamento informático para o desenvolvemento de tarefas administrativas. 

Tras a publicación da nova convocatoria o pasado 11 de febreriro, o prazo de solicitude deste Bono Consolida está aberto ata o día 10 de abril. Estímase que estas axudas permitirán favorecer a preto de 250 entidades de economía social en toda Galicia. Neste sentido, poden ser beneficiarias destes apoios sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que estean rexistrados e acrediten unha antigüidade mínima de 42 meses.

Como novidade, a Xunta priorizará os gastos de investimento fronte aos correntes co fin de acadar unha efectiva consolidación das entidades da economía social. Dáse así resposta á demanda real detectada na pasada orde, ao tempo que se prima un tipo de gasto que logra xerar un maior retorno no medio e longo prazo. A maiores, elévase de dous a tres anos a obriga de mantemento da forma xurídica das entidades beneficiarias, así como da súa actividade empresarial, co gallo de asegurar a súa permanencia no tecido produtivo.

As achegas serán de ata 30.000 euros por entidade e a intensidade da axuda do 80% do custo subvencionable. Entre outras actuacións con elas fináncianse, investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de outubro de 2026 en equipamento informático, software, márketing, eficiencia enerxética, elementos de transporte, formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (Reta) ou reformas que se realicen en calquera instalación do centro de traballo.

Fonte: C. de Emprego, Comercio e Emigración

A Xunta concede axudas de máis de 700.000 € a 38 empresas da área de Vigo a través do Bono Consolida Economía Social para mellorar a súa competitividade

Data

Categoria