Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
A Xunta destaca o papel dos centros especiais de emprego na inclusión laboral durante a inauguración do Garden Botánico do Lago Castiñeiras en Marín
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, puxo hoxe en valor o labor dos centros especiais de emprego de iniciativa social durante o acto de inauguración do Garden Botánico do Lago Castiñeiras, un proxecto impulsado pola Fundación Juan XXIII. Mariño salientou a importancia desta iniciativa pola súa vocación de visibilizar e potenciar as capacidades das persoas con discapacidade intelectual a través de actividades laborais, formativas e sociais abertas ao conxunto da cidadanía. Louvou as diferentes liñas de actividade do proxecto, entre as que destacan un espazo de venda de plantas e produtos de xardinería, xardíns temáticos con finalidade didáctica e un viveiro especializado na produción de especies forestais autóctonas, que contribuirán á xeración de emprego.
A directora xeral tamén subliñou o apoio da Xunta ao importante labor que este centro especial de emprego desenvolve desde o ano 1988, ao tempo que avanzou que o Goberno galego lanzará proximamente unha nova orde de axudas destinada a estas entidades, dotada con 27 millóns de euros. Esta medida permitirá reforzar o traballo dos 138 centros especiais de emprego existentes en Galicia e avanzar na inserción laboral de arredor de 6.600 persoas con discapacidade.
