Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
A Xunta premia ao CEIP Plurilingüe Santa Mariña, en Vigo, polo seu compromiso cos valores cooperativos
O CEIP Plurilingüe Santa Mariña (Vigo) será recoñecido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no certame “Cooperativismo no ensino 2026”. O centro vigués foi galardoado co primeiro premio da categoría “Actividades cooperativizadas” polo traballo titulado “Creamos xogos na carpintería” e que destaca pola súa contribución á promoción dos principios e valores do cooperativismo entre o alumnado.
O recoñecemento terá lugar este luns 15 de xuño ás 12 horas no propio centro de ensino e contará coa presenza de José Antonio Rodríguez Fachado, director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Pontevedra, quen fará entrega do diploma acreditativo.
Como parte da celebración folclore galego, ritmos indíxenas arxentinos e bases electrónicas enérxicas fusiónanse no concerto que ofrecerá Catuxa Salom ao alumnado do centro. Unha artista que irrompeu con forza na escena independente e cun proxecto construído desde unha lóxica colaborativa e comunitaria que o conecta cos valores do cooperativismo.
Promovendo o cooperativismo desde as aulas
O certame “Cooperativismo no ensino” é unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a difundir e promover os valores do cooperativismo entre o alumnado galego de todas as etapas educativas, desde educación infantil ata formación profesional e ensinanzas de réxime especial. A través desta convocatoria búscase impulsar actividades que fomenten o traballo en equipo, a responsabilidade compartida, a participación democrática e a solidariedade.
A entrega destes galardóns nos diferentes centros premiados, que se desenvolve ao longo do mes de xuño, constitúe unha antesala da celebración do Día do Cooperativismo Galego, que terá lugar o vindeiro 4 de xullo nas Bodegas Martín Códax, coincidindo co Día Internacional das Cooperativas. Esta conmemoración serve para poñer en valor a contribución das cooperativas ao desenvolvemento económico e social, á creación de emprego de calidade e á construción dunha sociedade máis inclusiva, participativa e sostible.
