Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
A Xunta presenta o modelo galego de economía social no XI Coloquio Ibérico de Lisboa
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participará o vindeiro xoves 28 de maio no XI Coloquio Ibérico de Economía Social, que se celebra do 27 ao 29 de maio en Lisboa e Caldas da Rainha (Portugal).
Mariño intervirá na mesa redonda sobre políticas territoriais de fomento da economía social, que terá lugar entre as 10.30 e as 12.30 horas. A sesión estará moderada por Rafael Chaves, do Instituto Universitario de Economía Social e Cooperativa (IUDESCOOP) da Universitat de València, e reunirá a destacadas personalidades do ámbito da economía social española, portuguesa e internacional.
Na mesa, a representante da Xunta de Galicia compartirá a experiencia e os resultados da Rede Eusumo, a rede de colaboración para o fomento e o desenvolvemento da economía social de Galicia impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
O coloquio, organizado polas seccións portuguesa e española de CIRIEC (Centro Internacional de Investigación e Información sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa), desenvólvese baixo o lema 'Economía Social e Cohesión Territorial – O papel do poder rexional e local'.
A Rede Eusumo
Con 115 entidades adheridas desde a súa creación en 2012, esta Rede, que serve de ferramenta de cooperación, acompañamento e dinamización do emprendemento no eido da economía social, permitiu crear en Galicia 264 proxectos que xeraron máis de 540 empregos directos.
Máis aló do emprendemento e o emprego consolidado, a Rede ten organizado máis de 2.000 actividades formativas e informativas, ás que asistiron preto de 39.000 persoas. Ademais, asesorou máis de 1.500 grupos promotores para o impulso de proxectos cooperativos, con máis de 3.000 persoas implicadas.
