Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
A Xunta recoñece o compromiso do CEIP San Miguel de Reinante coa difusión dos valores cooperativos
O CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros) será recoñecido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no certame “Cooperativismo no ensino 2026”. O centro foi galardoado con dous accésits polos traballos “A comunidade do xeo” (2º ciclo educación infantil) e “O barrio cooperativo” (1º-2º educación primaria) nos que se promoven os principios e valores do cooperativismo entre o alumnado.
A entrega de diplomas terá lugar este mércores 17 de xuño ás 12:30 horas nas Escolas Vellas de Reinante por parte de Carmen José López Rodríguez, directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Lugo.
Como parte da celebración, a compañía de artes escénicas Galeatro representará o espectáculo de monicreques “Carabela volve aos mares”, unha adaptación do texto teatral de Paula Carballeira. A obra conta a historia de Carabela, a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico e que, rodeada de peixes mutantes, paxaros afectados pola contaminación e residuos que non alimentan, tenta sobrevivir grazas á súa imaxinación. Para combater a soidade constrúe unha Nena de Plástico á que lle relata historias do mundo exterior. Xuntas emprenden unha aventura que pon en valor a cooperación, o coidado do medio ambiente e a capacidade de transformar as dificultades en esperanza a través do traballo compartido.
Promovendo o cooperativismo desde as aulas
O certame Cooperativismo no ensino é unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a difundir e promover os valores do cooperativismo entre o alumnado galego de todas as etapas educativas, desde educación infantil ata formación profesional e ensinanzas de réxime especial. A través desta convocatoria búscase impulsar actividades que fomenten o traballo en equipo, a responsabilidade compartida, a participación democrática e a solidariedade.
A entrega destes galardóns nos diferentes centros premiados, que se desenvolve ao longo do mes de xuño, constitúe unha antesala da celebración do Día do Cooperativismo Galego, que terá lugar o vindeiro 4 de xullo nas Bodegas Martín Códax, coincidindo co Día Internacional das Cooperativas. Esta conmemoración serve para poñer en valor a contribución das cooperativas ao desenvolvemento económico e social, á creación de emprego de calidade e á construción dunha sociedade máis inclusiva, participativa e sostible.
