Por admin_eu, 14 Novembro, 2025
Ourense acollerá o vindeiro fin de semana a 26º edición do salón gastronómico Xantar

A cidade de Ourense acollerá, do 20 ao 23 de novembro de 2025, unha nova edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que celebra este ano o seu 26º aniversario consolidado como punto de encontro para profesionais e amantes da enogastronomía.

Un ano máis, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, impulsa a presenza de entidades galegas de economía social neste evento. Nesta ocasión, seis cooperativas e iniciativas representativas da diversidade produtiva do país mostrarán ao público produtos artesanais, sostibles e vinculados ao territorio.

Entre elas destaca Tres Fuciños S. Coop. Galega, cooperativa formada por pequenos produtores de porco celta, raza autóctona criada en semiliberdade. Ofrecen carne fresca e produtos de salazón e afumados elaborados de maneira tradicional, cunha aposta polos sistemas de produción sostibles e polo coidado da contorna agroforestal.

Tamén participa Productores do Campo de Capela S. Coop. Galega, recoñecida queixería fundada en 1969 e pioneira en España na elaboración de queixos de maduración curta con leite cru de vaca. Presentarán produtos tan emblemáticos como o queixo Tetilla D.O.P., o queixo O Mouro, a súa manteiga artesanal ou o requeixo, todos elaborados sen conservantes nin aditivos.

A feira contará igualmente coa presenza de Condado Paradanta S. Coop. Galega, cooperativa dedicada á produción de mel e ao tradicional Requeixo de As Neves, elaborado de forma artesanal con leite de vaca galega, sen conservantes e cun proceso que garante produtos naturais, saudables e de alta calidade.

No ámbito das bebidas espirituosas, estará Barbudos S. Coop. Galega, unha cooperativa que mantén a tradición vitivinícola de Valdeorras elaborando licores artesanais —de herbas, café, limón, laranxa ou cereixa— sen colorantes nin aromas artificiais, seguindo tempos de maceración longos e coidando ao máximo a selección das materias primas.

Xantar acollerá ademais a Cooperativa Vinos Barco – Bodegas Jesús Nazareno, situada no Barco de Valdeorras e formada por 380 socios. Elaboran viños brancos de godello e tintos de mencía recoñecidos pola súa calidade, cunha produción que combina tradición, innovación tecnolóxica e o aproveitamento dun microclima único na comarca.

Por último, participará Distribucións A Moenda (Centro Especial de Emprego), proxecto centrado na inserción laboral de persoas con diversidade funcional. Distribúen produtos de panadería e repostaría galega —empanadas, empanadillas e sobremesas tradicionais— elaborados de maneira manual e con estritos controis de calidade.

A presenza destas seis entidades reforza o compromiso da Xunta de Galicia coa difusión da economía social como modelo empresarial sostible, competitivo e xerador de valor social. Xantar 2025 converterase así nunha plataforma estratéxica para potenciar a visibilidade, abrir novos mercados e fomentar a cooperación entre produtores, profesionais e consumidores.

Descarga o díptico

 

 

Ourense acollerá o vindeiro fin de semana a 26º edición do salón gastronómico Xantar

Data

Categoria