Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
A xunta apoiará 800 novos proxectos emprendedores cunha achega de 6,7 M€ con foco na remuda xeracional e na continuidade de negocios asentados no territorio
O Consello da Xunta de Galicia coñeceu hoxe un informe sobre a próxima convocatoria de axudas destinada a apoiar as novas iniciativas emprendedoras constituídas en Galicia desde 2023, co obxectivo de facilitar os seus primeiros pasos. Cun orzamento global de 6,7 millóns de euros e as achegas que poden acadar os 35.000 euros, prevese apoiar arredor de 800 proxectos que se atopan na súa fase máis emerxente. Ademais, entre as principais novidades deste ano, destaca o reforzo específico da remuda xeracional que garanta a continuidade de negocios viables, a simplificación dos tramos subvencionables, co fin de axilizar a xestión administrativa; e a adaptación estratéxica dos investimentos máximos á realidade económica dos autónomos e das pequenas e medianas empresas, principais protagonistas do tecido produtivo galego. Está previsto que a convocatoria se publique nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e poderá solicitarse ata o 30 de xuño de 2025.
Con esta liña de axudas —que conta cun incremento de 200.000 euros respecto do ano anterior e da que xa se levan beneficiado 2.700 emprendedores desde 2022— o Goberno galego continúa avanzando no seu impulso estratéxico ao emprendemento vencellado ao territorio, un eido a que se destinan máis de 32 millóns de euros en 2025 co obxectivo de favorecer a posta en marcha de negocios que xeren emprego, riqueza e contribúan á fixación de poboación e á dinamización territorial. Neste senso, a orde analizada hoxe complementa de forma crucial o labor de asesoramento gratuíto que se canaliza a través da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, unha iniciativa da Xunta que conta con 15 oficinas repartidas por toda Galicia, nas cales se levan atendido case 4.000 proxectos. Deste xeito, as persoas emprendedoras que boten a andar unha actividade económica dispoñen dun apoio integral que combina orientación personalizada co acceso ao financiamento, facilitando así que as súas ideas poidan converterse en iniciativas viables e sostibles. Ademais, súmanse outras achegas específicas como as recollidas na orde unificada de axudas para autónomos, dotada con máis de 40 M€.
Detalles da convocatoria
Poderán optar a estas axudas os autónomos, mutualistas, pequenas e medianas empresas, cooperativas e sociedades laborais que se constituíran ou se deran de alta desde o 1 de xaneiro de 2023. Na nova convocatoria mantéñense os conceptos subvencionables respecto das outras edicións, pero introdúcense melloras para reforzar o seu impacto entre o ecosistema emprendedor, reducindo os tramos de investimento subvencionables. Así, aqueles situados entre 5.000 e 20.000 euros contarán cunha axuda do 55 %; os comprendidos entre 20.001 e 30.000 euros recibirán o 50 %; e os que se atopen entre 30.001 e 60.000 euros obterán o 45 % de cobertura. Ademais, nos casos en que o proxecto evite o peche dun negocio por falta de remuda xeracional, a intensidade da axuda incrementarase nun 10 % adicional, facilitando así que a persoa emprendedora poida recoller a testemuña dunha actividade xa viable economicamente. Así, e de acordo con esta distribución, as contías poderán ir dos 2.750 euros ata os preto de 35.000.
No que respecta aos gastos computables, inclúese equipamento informático, mobiliario, eficiencia enerxética, reforma de locais, gastos notariais e de rexistro, alugueiro —que como novidade se incrementa dos 600 euros aos 1.500, 1.650 no caso de proxectos de remuda— e compra de activos pertencentes a establecementos existentes ou bens de equipo de segunda man, en liña coa aposta pola remuda de negocios en funcionamento.
Rede de Polos, motor do ecosistema emprendedor
A Rede de Polos é o máximo expoñente do esforzo da Xunta de Galicia a prol do emprendemento, xogando un papel fundamental na canalización, acompañamento e impulso de novos proxectos. O seu labor foi decisivo no recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025. Este eixo central da estratexia complétase tanto con axudas económicas como a analizada hoxe como co desenvolvemento de proxectos destacados que reforzan todo o ecosistema. Entre eles salienta a 2ª edición de Fixar, na que participarán 80 persoas emprendedoras, afondando no modelo dos coliving como dinamizador territorial do rural. Tamén a nova andaina de Xerme, impulsada co Clúster do Ecommerce Galego para apoiar iniciativas no ámbito do comercio electrónico; e Alento, que xunto ao Clúster da Comunicación de Galicia ofrece asesoramento especializado en márketing e comunicación a proxectos emprendedores.
