Contacta coa Rede e asesórate en economía social | eusumo.emprego@xunta.gal | +34 610 174 389
A Xunta promove as novas vocacións emprendedoras no sector musical no marco dunha nova edición do ‘Pont-Up Store’
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na inauguración da 12ª edición da feira de emprendemento Pont-Up Store, apoiada pola Xunta de Galicia e que se celebra en Pontevedra ata mañá sábado cun completo programa de actividades centradas nas tendencias do ecosistema emprendedor.
Fernández destacou a importancia de fomentar novas vocacións emprendedoras e sinalou que eventos como este contribúen a consolidar o ecosistema, xerar sinerxías e impulsar proxectos innovadores. Ademais, salientou o peso da economía social no evento e indicou que se trata dunha fórmula idónea para canalizar vocacións emprendedoras. Neste contexto, destacou que a Xunta organiza, no marco da Rede Eusumo, a actividade As cooperativas inspírannos, que propón a creación dun mural que reflicta os valores do cooperativismo ao longo de toda a xornada de hoxe e mañá.
Emprendemento ligado ás industrias culturais
Ademais, esta tarde, Pablo Fernández, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentará no marco do evento o proxecto autonómico O camiño do emprendemento musical, dirixido á mocidade interesada en desenvolver a súa carreira no sector musical. A través desta actividade, profesionais de distintas disciplinas compartirán experiencias, talento e visión sobre como transformar a música e a creatividade en oportunidades de emprendemento. Na sesión participarán artistas como Lola Bozzano e Muiños, así como profesionais do sector musical como Quique Fernández, de Cega Audiovisuais, e José Patiño, do festival Wake Up.
