Amásame Bakery Lab SLL “A sociedade laboral combina o mellor da cooperativa co bo da sociedade limitada”

Dani Pampín e Nati Cancela tiñan claro, desde que estudaban na escola de hostalería, que na panadería tiñan o seu futuro. Sabían moito de amasar e de enfornar, un oficio que Dani aprendeu no negocio familiar, outra cousa foi darlle forma á empresa. Para isto estiveron a estudar todas as receitas posibles ata que se decantaron pola sociedade laboral de responsabilidade limitada, unha fórmula da economía social que garante que a maior parte da sociedade está sempre nas mans das persoas traballadoras.

Amásame Bakery Lab SLL naceu en Pontevedra en 2018 con tres socios: o matrimonio formado por Dani e Nati e máis a irmá dela, Sefi Cancela. Co Premio ao Mellor Panadeiro Artesán de España, que Dani Pampín recolleu aquel mesmo ano, amosou que non equivocou o oficio. Ten claro tamén dous anos despois que tampouco errou ao elixir a fórmula da sociedade laboral, da que di que “combina o mellor da cooperativa co bo da sociedade limitada”.

Que vos convenceu da SLL?
Nati e máis eu démoslle moitas voltas a que forma elixiamos para a empresa. A nosa asesoría informounos das vantaxes da sociedade laboral e ao final foi polo que optamos. Principalmente pola xestión do capital dos socios e tamén porque nos gustou a posibilidade de que as persoas que traballan con nós poidan, nun momento dado, sumarse como socias. O máis importante é o capital humano, que na nosa panadería é o mesmo desde o principio. Amásame Bakery Lab ten seis persoas traballando, das cales tres somos socias, e agora estamos contemplando a posibilidade de que un dos traballadores, o pai de Nati, pase tamén a ser socio. No seu momento sopesamos a posibilidade de ter algún socio capitalista, pero finalmente optamos por ser todos traballadores e foinos ben. Tamén pesaron na decisión as axudas APROL para a creación de emprego, que son un empurrón importante. Eu penso que a sociedade laboral combina o mellor da cooperativa co bo da sociedade limitada.

Polo que se ve a vosa é unha empresa moi familiar. Como é o traballo xuntos?
É importante ter repartido o traballo e que cada un teña a súa parcela. Tamén isto discutímolo moito ao principio, eu sempre digo que hai que falar as cousas como inimigos para despois sermos amigos. E vainos ben.

Fálanos do traballo de Amásame Bakery Lab.
Amásame é un obradoiro de panadería totalmente artesanal. Buscamos a excelencia en todo e, como sempre digo, se non nos sae mellor é porque non sabemos. Sacamos do forno unha media diaria de 10 ou 15 pans diferentes, 6 u 7 pezas de bolería e pastelería por encargo. E presumimos de ser os máis caros, porque tratamos de ofrecer sempre o mellor. Diferenciámonos, e a verdade é que a nosa clientela vén buscando cousas novas.

Tes o Premio ao Mellor Panadeiro Artesanal e outros recoñecementos que falan dun rotundo éxito. Cal é a clave?
Os premios son case unha anécdota. Para min o que temos é unha maneira de entender a panadería. Para nós é importantísimo traballar con produtos próximos, o máis locais posible. O noso panettone está feito só con manteiga de Galicia, os pans facémolos con masa nai, con fermentacións longas… voltamos a como se facían as cousas antes. E na pandemia vimos o importante que é ter os provedores aquí ao lado.

É curioso que a innovación estea en volver ao de antes…
Hoxe en día facer manteiga con leite de vaca en Galicia é unha novidade, algo que se facía en calquera panadería hai trinta anos. Hai pouco cocín unha broa sobre unha folla de millo para un restaurante e quedaron sorprendidos. Gústame xogar moito e sacar sempre cousas novas.

Como vos afectou a pandemia?
Pois parou a parte de cafetería que temos na tenda, pero por sorte o pan seguiu saíndo e iso foi moi importante para manter a actividade. O certo é que pouco antes estabamos xa pensando en facer algún investimento para mellorar a nosa capacidade produtiva, porque as instalacións quedáronse un pouco pequenas, así que a situación paralizou ese proxecto, que retomaremos un pouco máis adiante… O outro día dicíame un chef que veu visitarnos que debemos de ser a panadaría que máis produción saca por metro cadrado. Así que o proxecto é mellorar niso. Vemos o futuro con moita ilusión.
 

AMÁSAME BAKERY LAB SLL EN DATOS

Ano de creación: 2018
Nº de persoas socias e/ou traballadoras: 6
Áreas de actividade: panadería, bolería e pastalería
Facebook: https://www.facebook.com/AmasameBakery
Contacto: amasameartesano@gmail.com

 

Luns, 21 September, 2020 - 10:00

Compartir