LOADING

As entidades que comprenden a Economía Social de Galicia son:

As cooperativas son asociacións de persoas que se unen de forma voluntaria para a realización de actividades económicas e sociais de interese común mediante unha empresa de propiedade conxunta e de xestión democrática. En Galicia, a lexislación recolle algunhas condicións específicas para as cooperativas xuvenís.

As mutualidades son sociedades de persoas, sen ánimo de lucro, de estrutura e xestión democrática, que exercen unha actividade aseguradora de carácter voluntario, complementaria do sistema de previsión da Seguridade Social.

Son fundacións aquelas organizacións constituídas sen fin de lucro que, por vontade dos seus creadores, teñen afectado de modo duradeiro o seu patrimonio á realización de fins de interese xeral. Pola súa parte, as asociacións son agrupacións de persoas constituídas para realizaren actividades colectivas de forma estable, organizadas democraticamente, sen ánimo de lucro.

As sociedades laborais son sociedades de natureza mercantil, anónimas ou de responsabilidade limitada, que contan cun capital social pertencente de xeito maioritario ás súas persoas socias traballadoras.

As empresas de inserción defínense como estruturas de aprendizaxe, en forma mercantil, cuxa finalidade é a de posibilitar o acceso ao emprego de colectivos desfavorecidos, mediante o desenvolvemento dunha actividade produtiva, para o que se deseña un proceso de inserción, durante o cal se establece unha relación laboral convencional.

Os centros especiais de emprego son os que realizan un traballo produtivo, que teñen por finalidade a integración das persoas con discapacidade ao réxime de traballo normal, de maneira que aseguran un emprego remunerado á vez que prestan os servizos de axuste persoal e social que requiran estas persoas.

Son corporacións sectoriais, sen ánimo de lucro, representativas de intereses económicos de armadores de buques de pesca e de traballadores do sector extractivo, cuxa xestión se desenvolve co fin de satisfacer as necesidades e intereses dos seus socios, co compromiso de contribuír ao desenvolvemento local, á cohesión social e á sustentabilidade.

Son sociedades civís de finalidade económico-social, en orde á produción, transformación e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros ou forestais, realización de melloras no medio rural, promoción e desenvolvemento agrario e prestación de servizos comúns que sirvan a aquela finalidade.

Son as que pertencen a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e que se aproveitan consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.

  • As entidades singulares creadas por normas específicas

Ademais das entidades antes relacionadas, tamén forman parte da economía social aquelas entidades singulares creadas por normas específicas que se rexan polos valores e os principios orientadores da economía social, sempre e cando desenvolvan unha actividade económica e empresarial.

 

CONTACTA COA REDE EUSUMO

Edif. Admin. San Lázaro, baixo 15781
Santiago de Compostela