LOADING

O Consello da Economía Social de Galicia é o órgano consultivo e asesor para as actividades relacionadas coa economía social, especialmente no ámbito da promoción e difusión da economía social.
Este órgano promoverá o diálogo, a coordinación e a colaboración entre todos os actores da economía social, sendo a vía principal de participación das entidades da economía social.

CALES SON AS SÚAS FUNCIÓNS?

  • Asesorar, cando sexa requirido para elo, na planificación, fomento, coordinación e execución dos programas de promoción e difusión da economía social, en especial mediante a elaboración de recomendacións.
  • Emitir informe, con carácter facultativo e non vinculante, sobre os proxectos de normas reguladoras que afecten ás entidades da economía social galega.
  • Elaborar estudos e propostas sobre cuestións que afecten á economía social en Galicia, así como os informes que con carácter facultativo e non vinculante lle soliciten as autoridades competentes sobre esta materia.
  • Colaborar na elaboración e avaliación dos programas de desenvolvemento da economía social, cando sexa requirido para elo.
  • Formular e informar propostas de incorporación ou exclusión no Catálogo galego de entidades da economía social de tipos de entidades da economía social.
  • Orientar a cooperación empresarial entre as entidades que forman parte da economía social.
  • Asesorar, cando sexa requirido para elo, na integración e coordinación da promoción da economía social coas demais políticas públicas, en especial coas dirixidas á creación de emprego, o fomento do emprendemento e o desenvolvemento local e rural.
  • Velar pola promoción e adecuada aplicación dos principios da economía social expresados na presente lei.
  • Todas aquelas funcións que veñan determinadas por disposicións legais ou regulamentarias.

Ademais destas funcións, o Consello aprobará as normas de réxime interno, constituirá comisións de traballo e calquera outra función que resulte precisa para o cumprimento dos seus obxectivos. En concreto, poderanse crear comisións de traballo para o estudo de cuestións concretas e a elaboración de informes e ditamenes.

CAL É A SÚA COMPOSICIÓN?

Integran o Consello da Economía Social de Galicia:

  1. A presidencia, que a ocupará o conselleiro ou conselleira competente en materia de economía social, ou persoa en quen delegue.
  2. A vicepresidencia primeira, que a ocupará a persoa titular da dirección xeral competente en materia de economía social, ou persoa en quen delegue.
  3. A vicepresidencia segunda, que será ocupada pola persoa elixida maioritariamente polas persoas membros do Consello de Economía Social representantes das entidades da economía social, de entre elas.
  4. Doce persoas en representación das entidades da economía social de Galicia.
  5. Nove persoas en representación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
  6. Unha persoa designada conxuntamente polas organizacións sindicais intersectoriais da comunidade autónoma con dereito de participación institucional conforme á normativa de aplicación.
  7. Unha persoa en representación das organizacións empresariais intersectoriais mais representativas a nivel galego.
  8. Unha persoa representante dos municipios de Galicia proposta pola Federación Galega de Municipios e Provincias.
  9. Unha persoa representante das universidades de Galicia designada conxuntamente polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

CANTO DURA O SEU MANDATO?

A duración do mandato das persoas integrantes do Consello da Economía Social de Galicia será de catro anos, renovándose á finalización deste período, sen prexuízo da súa reelección.

ONDE SE REGULA?

Na Lei 6/2016, de 4 de maio, da economía social de Galicia.

 

CONTACTA COA REDE EUSUMO

Edif. Admin. San Lázaro, baixo 15781
Santiago de Compostela