Beatriz López de Arabías: “Tecer redes entre mulleres é moi importante para rachar co illamento que, en moitas ocasións, hai no rural”

Hai un ano sumáronse á comunidade da economía social galega e, en pouco tempo, xa teceron as redes que elas mesmas axudan a crear nos territorios nos que actúan. As compañeiras de Arabías dedícanse a impulsar iniciativas de investigación, formación e sensibilización social que buscan un cambio positivo nas persoas. A través de proxectos como a Escola de Apoderamento EspadELA ou o deseño de estratexias de igualdade de xénero de concellos galegos, no seu camiño emprendedor non só aprobaron con nota, senón que tamén involucraron a outras cooperativas para xerar sinerxías. Nesta entrevista sabemos máis da súa traxectoria.

Arabías conta cunha traxectoria recente. En que momento nace o proxecto e por que unha cooperativa?
As dúas socias decidimos, en marzo de 2018, deixar a nosa traxectoria compartida como profesionais autónomas para impulsar a cooperativa, co obxectivo de apostar pola calidade e a dignidade laboral. O cooperativismo parécenos o camiño máis coherente de cara a situar a vida das persoas e valores como o feminismo ou a sustentabilidade no centro da actividade económica.

A vosa finalidade última como empresa é xerar espazos e proxectos de transformación social. Cales son os eixes da vosa actividade?
Deseñamos e desenvolvemos proxectos de investigación social que buscan provocar un cambio na sociedade. Neste sentido, formulamos políticas públicas sociais adaptadas aos contextos e aos territorios, formación especializada en materia de igualdade entre mulleres e homes e prevención de violencia machista e, nun plano máis xeral, impulsamos campañas de sensibilización social para promover a cultura da igualdade e espallar os principios do feminismo no conxunto da cidadanía. Polo tanto, investigación social, formación e sensibilización son os tres grandes eixes da nosa actividade. E queremos consolidar estas liñas a medio prazo antes de explorar outras novas.

Entre os vosos servizos está a que denominades como “Factoría de Sensibilidades”. En que consiste?
Consiste na posta en marcha de campañas ou accións de sensibilización en materia de igualdade de xénero a nivel sociocomunitario. Grazas a esta factoría de traballo creamos espazos de participación social e comunitaria onde se reflexiona sobre valores relacionados coa igualdade de xénero. O que se pretende é espertar a sensibilidade e a mirada de xénero a través da participación. Gústanos desenvolver accións que impliquen ao conxunto da comunidade e que, polo tanto, teñan un impacto social relevante. 

Como se artella un proceso de formación innovador para crear espazos de reflexión social?
O proceso consiste en xerar espazos de aprendizaxe cooperativo onde a participación das persoas é fundamental. Traballamos nun plano dinámico e sempre contextualizado nas necesidades e intereses do público. É dicir, combinamos estratexias formativas que se acheguen ás experiencias das persoas. Por exemplo, nas formacións centradas en xénero e violencias machistas traballamos con base na reflexión das propias experiencias de vida. Ao mesmo tempo, xogamos con técnicas cooperativas que implican e xeran participación como, por exemplo, metodoloxías de dinámicas de grupo baseadas na cooperación para construír en común. Para nós é moi importante combinar estas metodoloxías, porque nos axuda a lograr o obxectivo final: que a transformación individual contribúa a unha transformación social a longo prazo.

EspadELA é un dos programas nos que participades que ten máis popularidade. Nel trátase de apoderar mulleres do rural. Cal é o voso balance e aprendizaxe ata agora?
Estamos na segunda edición do programa e temos un balance moi satisfactorio. Nun primeiro momento, custaba enganchar as mulleres e animalas a participar, entre outras cuestións, porque as súas axendas atenden numerosas necesidades familiares. Mais, unha vez que proban, adoitan continuar con moito gusto. Unha das actividades que máis lles satisfai é a das novas tecnoloxías, onde aprenden ou melloran as súas competencias dixitais en relación cos teléfonos móbiles. Nesta segunda edición tamén resultou moi interesante o obradoiro “Habitando o noso corpo”, onde traballamos cuestións máis físicas e relativas á corporalidade.

En todo caso, o éxito fundamental é xerar un espazo de encontro propio de mulleres que nalgúns casos transcende o propio programa. Resulta moi gratificante comprobar como, a raíz da súa participación en EspadELA, mulleres que son veciñas do mesmo concello e incluso da mesma parroquia, coñécense e quedan para tomar un café despois de cada sesión, algo que antes non sucedía. Tecer redes de sororidade entre mulleres é moi importante para rachar co illamento que, en moitas ocasións, hai no rural. Para nós isto é un fito moi relevante e agardamos poder continuar por moitos anos.

Á parte de EspadELA, que proxectos destacades nos traballos de investigación-acción centrados na temática de xénero?
Como exemplos de traballos recentemente realizados, destaca a nosa participación no deseño da Estratexia de Prevención de Violencias Machistas e Fomento da Igualdade entre Mulleres e Homes do Concello de Valdoviño, que vimos de presentar, ou a coordinación da campaña de prevención e sensibilización contra as violencias machistas do Concello de Carnota. Tamén finalizamos o proxecto "Fomentando a coeducación e o bo trato como claves para unha vida sen violencia", unha iniciativa que desenvolvemos coas compañeiras de AtalaiA Social para a ANPA Faro da Coruña.

Pero, como mención especial, por ser unha iniciativa innovadora, destacamos Ribadeo Camiño Seguro. Este proceso foi impulsado da man do Concello de Ribadeo e 7H Cooperativa Cultural. Foi un proxecto que se centrou na elaboración dunha pequena investigación sobre a incidencia da violencia sexual no Camiño de Santiago, a través da creación de diferentes espazos, e que derivou na formulación dun Pacto Municipal de prevención de violencias machistas no Camiño. Destacamos este proxecto como exemplo da implantación de dinámicas intercooperativas. Confiamos moito na creación de redes de apoio e de colaboración entre equipos de cooperativas. É moi produtivo sumar miradas e perspectivas, sempre deriva en procesos moito máis ricos.

ARABÍAS EN DATOS

Ano de creación: 2018
Nº de persoas socias e/ou traballadoras: 3 persoas
Áreas de actividade: Feminismo, políticas de xénero, coeducación, novas masculinidades.
Facebook: www.facebook.com/Arabías
Twitter: https://twitter.com/arabiascoop

 

Venres, 20 December, 2019 - 11:15

Compartir