Carmen Leis, administradora de Imcor: “Queremos seguir medrando e converter Imcor nunha empresa de referencia do sector do rótulo a nivel estatal"

Imcor é un exemplo de empresa discreta que medra de forma continua e sólida. Na súa curta traxectoria, desde que se creou en 2012, xa conta coa confianza de grandes marcas como Coca-Cola, Generali ou Cafés Candelas, grazas ao seu compromiso coa innovación, o medio ambiente e a formación. O seu obxectivo é continuar medrando e actualmente esta sociedade laboral está inmersa, desde a súa sede no Parque Empresarial Alvedro en Culleredo (A Coruña), nun proceso de expansión no que todo o equipo é partícipe. Nesta entrevista coñecemos o proxecto máis en detalle.   

Cando e por que xurde o proxecto empresarial de Imcor? Había unha oportunidade no mercado?
A comezos de 2012, varias persoas que hoxe forman parte da empresa quedamos sen emprego e, no mes de maio, decidimos crear a sociedade laboral para crear a nosa propia oportunidade laboral e, ademais, construír un proxecto de futuro, a longo prazo. É así como nace Imcor.

Cal é a vosa actividade principal?
Somos unha empresa especializada no servizo integral a grandes e pequenas empresas para a realización e implantación de imaxe corporativa. A actividade principal é a fabricación de rótulos, para o que dispoñemos dun sistema que abrangue deseño, taller, fresado, pintura, luminotecnia, decoración e implantación.

Cal foi o motivo de optar pola fórmula da sociedade laboral?
As persoas que integramos o equipo temos unha ampla e avalada traxectoria no sector do rótulo. A idea era sumar esforzos e achegar o noso capital e experiencia profesional e que cada un tivese unha función específica dentro da empresa. Tamén foi determinante a filosofía de traballo en equipo que fomenta a economía social.

Dentro do voso sector, cales son as vosas fortalezas ou que tipos de proxectos  vos achegan maior satisfacción?
Precisamente o traballo en equipo é a nosa maior fortaleza. Tamén nos distinguimos e estamos moi satisfeitos do noso constante exercicio de innovación e de aprender novas técnicas que aplicar nos nosos procesos. O sector do rótulo viviu unha gran transformación nos últimos anos e o concepto que agora predomina é o minimalismo, facendo moita énfase na decoración interior. Outra das nosas habilidades é a capacidade de traballar para grandes empresas en todo o territorio estatal, co desafío loxístico que isto supón.

Que fixo que grandes marcas como Coca-Cola, Generali ou Cafés Candelas se fixaran en vós a pesar da vosa curta traxectoria?
As grandes marcas valoran moito a calidade e o noso compromiso co medio ambiente. Na súa decisión de contar cos nosos servizos tamén inflúe a elevada formación e cualificación técnica dos nosos operarios en materia de prevención de riscos laborais e en innovación tecnolóxica. A todo isto hai que engadir a confianza, que é a base da nosa relación comercial coa clientela, grandes e pequenas empresas.

Cantas persoas traballan para impulsar o proxecto e cales son os seus perfís profesionais?
Actualmente somos nove persoas e todas participamos nos proxectos que xurden. Todas contamos con ampla experiencia no sector do rótulo, pero grazas a este proxecto empresarial seguimos medrando día a día como profesionais.

Onde vedes a Imcor nos próximos anos? Cales son os obxectivos?
O noso principal obxectivo é medrar en volume de negocio e consolidar Imcor como unha empresa de referencia no sector, non só en Galicia, senón tamén a nivel estatal. Neste proceso de expansión todos somos partícipes. E, ademais de ampliar a nosa clientela, pretendemos crecer tamén en tecnoloxía, formación e innovación.

IMCOR EN DATOS

Ano de creación: 2012
Nº de persoas socias e/ou traballadoras: 9 persoas
Volume de ingresos: 515.062 euros (2018)
Áreas de actividade: Fábrica de rótulos, implantación de imaxe corporativa
Web: www.imcor.es (en construción)

 

Martes, 29 October, 2019 - 10:00

Compartir