Entrevista á cooperativa e editora Catro Ventos: "O noso catálogo de libros medra porque en Galicia hai xente interesada en ler sobre economía social ou ecoloxía para mudar o seu estilo de vida”

A editorial Catro Ventos, nacida no eido da economía social, é xa un referente sobre publicacións neste sector, pero tamén en temas relacionados co medio natural ou consumo responsable. O seu crecemento vai paralelo ao maior interese da cidadanía por optar por modelos de vida alternativos, que fagan deste mundo unha contorna máis sustentable. Nesta entrevista concedida á Rede Eusumo, o seu equipo achega algunhas das súas últimas novidades editoriais e fai balance do camiñado desde a súa creación hai xa tres anos.

Catro Ventos xurdiu en 2016 da man de cinco persoas socias. Cal é a valoración da traxectoria da empresa neste tempo?
Desde a nosa creación, Catro Ventos segue unha traxectoria ascendente de consolidación pola que as persoas socias traballadoras tivemos que apostar forte co noso traballo diario. Rexémonos por uns principios de economía social (tomados de REAS, a Rede de Economía Alternativa e Solidaria, da cal formamos parte) que, xunto coa fórmula de cooperativa galega de traballo asociado, nos permiten acadar os nosos obxectivos de traballo, lanzar novos proxectos editoriais e crear un catálogo interesante e coherente coa nosa liña editorial.

Entre os obxectivos de creación da editora, estaba cubrir un oco no mercado para publicar libros sobre economía social e ecoloxía. O voso crecente catálogo de publicacións nestes eidos demostra que o interese das persoas lectoras nestas temáticas tamén vai en aumento?
Por unha banda, as persoas lectoras xa estaban aí antes de crear a editora. En Galicia existe un público culto e curioso, interesado en informarse, a poder ser en galego, sobre os eidos da economía social, o consumo responsable, a ecoloxía, os dereitos humanos e a crianza alternativa.

Por outra banda, asistimos a un fenómeno de transición “ecosocial” no que as persoas prestan atención a modelos de vida alternativos e respectuosos co ser humano e coa natureza.

As perspectivas actuais ante o consumo acelerado, o cambio climático ou a depreciación do valor do traballo fan que a xente opte cada vez máis por estar informada e tome decisións para mudar de rumbo.

Ademais da publicación de libros, ofrecedes outros servizos editoriais. Cales son?
Ofrecemos solucións editoriais para que empresas, entidades e particulares poidan levar a cabo un proxecto de edición completo ou calquera das súas fases.

Os servizos editoriais contemplan cuestións como a revisión, tradución, deseño editorial e maquetaxe, pero non só iso. En resumo, podemos encargarnos do proceso de produción de libros, pero tamén de elaborar actas de congresos, manuais universitarios, catálogos comerciais ou de exposición, publicacións periódicas, boletíns, etc.

Viraventos é un novo programa da editorial, en que consiste?
Viraventos é un programa que creamos para recompensar ás persoas lectoras interesadas en varias obras do noso catálogo. A xente dicíanos que quería mercar máis obras das que o seu peto lle permitía, así que incorporamos esta opción de subscrición anual para obsequiar cun desconto ao noso público máis fiel.

Existen dúas modalidades, Viraventos 30, coa cal achegando 30 euros en concepto de adianto obtés un desconto do 15% en todas as obras, e Viraventos 50, coa cal achegas 50 euros e obtés un desconto do 20%. É un xeito de axudarnos a medrar ao adiantarnos os cartos de obras que vas mercar cando saian ao mercado e obter a cambio un prezo máis económico.

Que publicacións do voso catálogo son as que mellor acollida teñen? Algunha que vos gustaría destacar entre as máis recentes?
Limpeza creativa, o Caderno de campo das illas Cíes e Dúbidas reais de adolescentes sobre sexo están xa pola segunda edición, un indicativo de que tiveron unha boa acollida, se ben obras como O libro dos océanos, Transición ecolóxica ou Permacultura tamén teñen un fluxo de venda constante desde a súa publicación. Todas elas se caracterizan por abordaren temáticas moi diferentes, unha mostra do público diversificado que nos segue e se interesa polos nosos libros.

Podedes adiantar algunha das vosas próximas publicacións? Algún proxecto ou servizo novo no horizonte?
Na editora sempre estamos traballando en varios proxectos á vez, algúns para publicar con Catro Ventos e outros para clientes dos nosos servizos editoriais.

Polo de agora só podemos avanzar que estamos ultimando a edición de Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais, unha obra de autoría múltiple que incorpora a perspectiva do xénero na xestión dos lumes. Trátase dun libro coordinado por Proxecto Batefogo (unha iniciativa galega para a prevención de lumes forestais a través da intervención social), cuxa publicación foi posible grazas ao mecenado que conseguimos coa plataforma de innovación social de Goteo.

O lanzamento está previsto para finais de setembro ou principios de outubro. Tamén estamos a piques de sacar Crac! Unha breve historia da economía da Grecia Antiga ao século XXI, unha obra que, a través dun ameno percorrido pola historia do diñeiro e das finanzas, traza paralelismos entre o pasado e o presente para explicar como funcionan as moedas, a inflación, as burbullas e o ir e vir dunha economía cíclica que sempre se repite.

O seu autor, Alexandre Versignassi, é xornalista e director de redacción de Superinteressante, a revista de ciencia máis importante de América do Sur, e foi finalista en 2012 ao Premio Jabuti (o premio literario máis recoñecido de Brasil) por esta obra.

Que sinerxías establecedes con outras empresas e entidades da economía social galega ou de fóra de Galicia?
Colaboramos con REAS Galicia con menos tempo do que quixeramos e tamén somos entidade socia de Espazocoop.

Na contratación de produtos e servizos recorremos a entidades vinculadas coa economía social como Xedega (consultoría) e Ítaca (servizos informáticos), se ben temos colaboracións de distinta índole con moitas outras, principalmente como “Espazos amigos”, lugares nos que tamén podes adquirir as obras de Catro Ventos e cuxa lista actualizamos regularmente na nosa web.

Á parte do que xa publicades, hai algunha outra temática que vos gustaría facer chegar aos lectores?
Polo de pronto, preferimos cinguirnos aos eidos de publicación sinalados, de feito no comezo non tiñamos pensado publicar sobre dereitos humanos, pero pareceunos imprescindible no momento no que estamos agora. Nestes campos, temos aínda moitos temas por tratar e algúns deles irán xurdindo nas próximas obras do plan de publicación 2020, no cal levamos un tempo traballando. Esperamos que as obras que imos publicar se convertan tamén en imprescindibles na biblioteca de todas as persoas interesadas na economía social.

CATRO VENTOS EN DATOS

Ano de creación: 2016
N.º de persoas socias e/ou traballadoras: 5 persoas
N.º de libros editados: 14
Áreas de actividade: Editorial, deseño editorial, maquetación, tradución, comunicación e redes sociais.
Web: catroventos.gal

 

Xoves, 26 September, 2019 - 17:30

Compartir