Entrevistamos a NOSO Cooperativa

Por que a decisión de apostar por unha cooperativa? Que historia hai detrás de NOSO Cooperativa?

NOSO cooperativa está formada por Daniel (arquitecto e fotógrafo) e Sergio (antropólogo e arqueólogo). Coñecémonos ao longo da nosa experiencia laboral previa, na que ambos os dous colaborabamos cun estudo de arquitectura e urbanismo. Desa experiencia, e como unha evolución lóxica, tanto pola nosa forma de entender o traballo, como polo compromiso co territorio e a implicación social que considerabamos debían ter os nosos proxectos, xuntámonos para crear NOSO baixo a fórmula do cooperativismo.

Que tipo de actividades facedes? E para quen van orientadas as actividades que levades a cabo?

En NOSO facemos proxectos diversos dende una mirada propia, construída a partir da intersección das ciencias sociais, o audiovisual e a arquitectura, coa que formular propostas innovadoras para o desenvolvemento territorial. Baixo este enfoque os nosos traballos encádranse en dúas dimensións fundamentais que son a cultura e o territorio.  

Neste marco amplo ofrecemos tres eixes principais de traballo, intimamente relacionados, que son a xestión do patrimonio cultural e o desenvolvemento local; o audiovisual e a promoción territorial; e territorio e planificación.

A modo de exemplo dalgunhas das actividades que facemos podemos mencionar proxectos de divulgación, dende a xeración a través da investigación de contidos diversos (textuais, audiovisuais, cartográficos, infográficos etc.), ata a súa presentación final, tanto en formato analóxico, deseñando, editando e maquetando material para impresión, como en formato dixital, incluíndo virtualizacións, storytellings web, tours virtuais etc.; proxectos de valorización, coa recuperación e activación de recursos patrimoniais (materias, inmateriais, naturais...); e proxectos de protección, a través de catálogos urbanísticos de patrimonio, plans especiais de protección, estudos de paisaxe ou controis arqueolóxicos.  

En canto á orientación das nosas actividades, a nivel dos nosos clientes potenciais, estes son variados en función do tipo de proxecto e da súa envergadura ou escala. Traballamos tanto para, ou xunto con, outras empresas (intentamos cooperar sempre que podemos), como para as administracións públicas, institucións diversas e clientes privados.

De que maneira colaboran os vosos proxectos no impulso da economía ou o desenvolvemento das zonas?

Por exemplo, a protección, a divulgación e a posta en valor do patrimonio e dos recursos en xeral do territorio constitúen un valor en si mesmo para a sociedade. Ademais, nós sempre pensamos no retorno que terá para os veciños a nivel tanto económico pero sobre todo como de sentimento de pertenza ao lugar, e de contribución ao desenvolvemento cultural e social da propia comunidade.

Para poder crear ou xerar algo novo, antes temos que saber de onde partimos. En xeral, buscamos que os nosos proxectos contribúan a un desenvolvemento endóxeno e sostible, respectuoso co medio no que teñen lugar.

Considerades que NOSO é unha cooperativa pioneira no ámbito cultural? En que sentido?

Tanto como pioneira non, porque hai moita xente que leva anos facendo traballos culturais de moita calidade en diferentes campos. Igual NOSO cooperativa o que ten como piar, e que cremos que si nos diferencia, é unha gran versatilidade que nos permite acometer traballos complexos e diversos dende a integración das diferentes miradas que nos dan as disciplinas das que vimos cada un de nós e a que nos achegan diferentes colaboradores que traballan connosco.

Que proxectos vosos destacariades tendo en conta aspectos como a complexidade, a satisfacción ou a notoriedade?

En canto á complexidade, destacaría o proxecto Perfís do Atlántico. Escollemos catro paraxes singulares da xeografía galega, que tivesen unha paisaxe cultural rica e diversa, e, a través dun tour virtual que debullamos en capas e enchemos de información, creamos un produto polo que navegar e aprender sobre a conformación do territorio, guiados por diferentes categorías temáticas. Unha desas paraxes, por citar unha, é a da contorna do Monte de Santa Trega e A Guarda. Pódese consultar aquí:  https://360.nosocoop.com/trega/

En canto á satisfacción, escollemos o proxecto “Camiño de papel e estrelas”. O Museo Massó en Bueu inaugurou hai uns días a exposición temporal “Camiño de papel e estrelas” e encargounos a elaboración dun storytelling web que narrara a mesma historia, pero nun formato dixital máis dinámico. Nós deseñamos o continente e animamos os obxectos para que cobrasen vida e estamos moi contentos do resultado acadado.

Pódese consultar aquí facendo clic na imaxe: https://museomasso.blogspot.com/2022/07/exposicion-temporal-camino-de-papel-e_22.html

En canto á notoriedade, aínda que tamén poderíamos clasificala en satisfacción e complexidade, cómpre mencionar o proxecto “A memoria da paisaxe”. É unha publicación sobre a arqueoloxía e a conformación da paisaxe de Xove, que creamos e editamos para o concello. Fixemos un traballo integral, dende a investigación ata o deseño de contidos e editorial, pasando polas reportaxes fotográficas e as ilustracións que recrean monumentos e lugares do pasado de Xove. Polo de agora non conta cunha versión dixital en liña, pero de seguro proximamente poderá consultarse na web municipal.

Como valorades a situación da vosa actividade na economía social de Galicia? Hai máis empresas que se dediquen ao mesmo? Algún referente?

Cremos que o sector cultural cooperativo está crecendo e cada vez somos máis os que optamos por unha figura xurídica dentro da economía social. Aínda que é un sector moi amplo, si que hai varias empresas coas que converxemos no tipo de servizos e proxectos que facemos, aínda que igualmente teñamos tamén proxectos moi diferentes entre nós.

Como referentes podemos citar entre outros Xeitura S.C.G., que traballan na xestión cultural dende Allariz, e Árbore Arqueoloxía S.C.G., un equipo de profesionais cos que tivemos a sorte de colaborar nalgún proxecto.

NOSO Cooperativa EN DATOS

Ano de constitución: 2020

Sede: Rúa Marqués de Valladares 14 3º Oficina 7, Vigo (Pontevedra)

Persoal: 2

Web: http://www.nosocoop.com

Venres, 21 October, 2022 - 13:15

Compartir