José González avalía coa Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais a importancia de reforzar a difusión e visibilización do traballo destas entidades

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, mantivo unha xuntanza co presidente da Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal), Eduardo J. Salido, no proceso de escoita activa que o representante do Goberno galego iniciou no mes de maio cos principais axentes económicos e sociais de Galicia.

No encontro abordouse a importancia de difundir este modelo da economía social que está a medrar en Galicia cun crecemento do 2,26% a peche de 2023 con respecto ao ano anterior. Na actualidade hai rexistradas preto de 1.460 sociedades laborais na comunidade. González compartiu que é clave trasladar á sociedade en xeral as vantaxes que ofrecen estas entidades dentro da economía social e apostou por reforzar a difusión do traballo que fan, visibilizar, en definitiva, o seu labor. 

Neste sentido, o titular de Emprego, Comercio e Economía Social, ademais, puxo en valor na reunión a importancia da economía social para Galicia, así como os programas e as ferramentas que está a poñer en marcha a Xunta para que este modelo siga crecendo na comunidade autónoma. 

Así, recordou que nestes intres se está a executar a segunda Estratexia de Economía Social, co horizonte 2027, coa que o Goberno galego aspira, cun orzamento de case 170 millóns de euros, a xerar máis economía social, atraendo talento, mellorando a competitividade e o crecemento en sectores emerxentes. No marco desta planificación prevese a creación de 400 novas entidades e a xeración de 4.000 empregos, posicionando este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial.

O departamento autonómico está a investir este ano máis de 43,6 millóns de euros na economía social, un orzamento que creceu nun 3% con respecto a 2023 e que se artella en tres grandes eixos de actuación: a difusión da economía social, a creación e consolidación de iniciativas e a promoción do emprego inclusivo.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

 

Domingo, 16 June, 2024 - 17:15

Compartir