Vangarda Muebles de Cocina S. Coop. Galega: "O mellor da cooperativa é a implicación, porque todos estamos xuntos para que isto saia ben"

O cooperativismo salva empresas e, por riba diso, empregos. Sábeno ben os socios de Vangarda Muebles de Cocina S. Coop. Galega, que no ano 2014 crearon a súa empresa tras o naufraxio de Biforis, a sociedade na que levaban moitos anos traballando xuntos. Fixeron valer a súa experiencia no sector da fabricación de mobles, aproveitaron o camiño andado e conseguiron saír adiante pola vía do emprendemento colectivo.

As súas instalacións foron neste 2020 o escenario do acto do Día do Cooperativismo Galego, precisamente para poñer en valor o seu exemplo. Juan Jesús Delgado, o presidente da cooperativa, conta como xurdiu aquel pulo, xa convertido nunha empresa consolidada e en crecemento.

Como xurdiu a idea de crear unha cooperativa?
Cando Biforis pechou, un día tomando un café cun compañeiro naquela empresa -que logo sería un  dos meus socios-, díxenlle que me parecía unha pena. Tiñamos un grupo de traballo moi bo e comenteille se non poderiamos montar algo nós, máis pequeno…. Entón el, con moito aplomo, díxome: “Pois mírao”. E comezamos a miralo, efectivamente.

E como foi a execución daquela idea?
Xuntámonos seis socios e eliximos o modelo da cooperativa porque para montar o noso negocio precisabamos un investimento inicial importante. A cooperativa permitiunos capitalizar o paro. Daquela contei coa axuda fundamental de Tino Gago, de EspazoCoop, que me axudou a facer os trámites moi rapidamente para poder optar tamén ás axudas á creación de emprego en cooperativas dentro do primeiro ano de actividade, sen esperar á seguinte convocatoria. A idea inicial era crear un negocio máis pequeno, pero pronto vimos que, polos clientes que coñeciamos de antes, había que seguir coas dúas liñas de actividade da anterior empresa: a fabricación e venda de accesorios e portas para cociñas e a fabricación e subministro de mobles de cociña xa premontados.

Xa pasaron seis anos desde entón. Como resultou a aventura?
Pois dos seis socios que empezamos estamos agora cinco, pero incorporáronse dous socios máis. Os comezos sempre son complicados, pero o certo é que a nós foinos bastante ben desde o principio. Aínda que foran salarios baixos nos primeiros tempos, sempre cobramos. Pouco a pouco fomos mellorando e dimos un salto importante cando incorporamos un comercial, que é un pilar fundamental para calquera empresa. O negocio foi crecendo ano a ano.

Qué é o mellor de ser cooperativa?
Penso que se consigues crear un grupo unido, o mellor da cooperativa é a implicación, porque todos estamos xuntos para que isto saia ben. A verdade é que a responsabilidade é compartida e iso fai que durmas mellor. E tamén é moi positivo ter a posibilidade de flexibilizar custos laborais, algo que nun momento como o actual (coa crise pola Covid-19) pode ser esencial.

En que cousas se pode mellorar?
A cooperativa ten o hándicap fundamental de ter que poñer a todos no mesmo plano dentro da organización. Isto ten un maior custe de negociación, por dicilo así, á hora de poñernos de acordo. Ao meu modo de ver, as persoas que se achegan ao modelo cooperativo teñen que interiorizar a importancia da toma de decisións e mesmo dotarse de ferramentas de réxime interno para mellorar estes procesos. Neste eido pódese mellorar, penso que ao mellor habería que facer un manual para guiar as cooperativas nisto. Aínda que teño que dicir que en Vangarda, en case todas as decisións que se toman, temos un amplo consenso.

Como vos afectou ata o momento a pandemia? Como está a resultar a volta ao traballo?
Para Vangarda os meses fortes de traballo son de maio a agosto, e tamén repunta a actividade antes de Nadal. Pero o certo é que este ano 2020 comezara con moito traballo, tivemos uns meses de xaneiro, febreiro e primeira quincena de marzo cun ritmo incrible. Tras o parón, maio e xuño foron ben e en xuño temos de novo unha alta ocupación. A idea é retomar un proxecto de investimento en nova maquinaria coa finalidade de ser mais produtivos.

 

Luns, 10 August, 2020 - 09:00

Compartir