O COOPERATIVISMO GALEGO E O SEU COMPROMISO NA ACCIÓN POLO CLIMA

Neste ano 2020, o Día Internacional do Cooperativismo estivo dedicado á acción polo clima, un obxectivo que adquiriu se cabe máis relevancia a raíz da crise sanitaria da Covid-19. O maltrato ao planeta foi un desencadeante da pandemia e urxe, máis ca nunca, o cambio de modelo cara a un desenvolvemento sustentable.

O cooperativismo está, por definición, aliñado co coidado do medio ambiente. Entre os principios deste modelo empresarial atópanse o seu compromiso co territorio, o interese pola comunidade, a responsabilidade social e a sustentabilidade.

Facemos aquí unha pequena escolma -sería imposible recoller todas!- de iniciativas de diferentes cooperativas galegas neste eido.

Condes de Albarei: o compromiso co territorio foi unha prioridade desde o seu nacemento en 1988. Os viticultores que forman esta cooperativa participan nos proxectos medioambientais Ecovidrio -dirixido a dar máis vida ás botellas- e Viñas Atlánticas -a prol dun cultivo sostible, cun uso limitado dos fitosanitarios-. O balance en cifras das súas actividades de reciclaxe durante o pasado ano 2019 foi o seguinte: 775.000 quilos de vidrio, 44.000 de cartón, 5.600 de cortiza e máis de 1.400 quilos de aluminio.

Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo: esta importante entidade do sector pesqueiro pon en práctica o seu compromiso coa sustentabilidade do medio mariño a través da súa actividade ordinaria e tamén de proxectos de innovación vencellados a unha mellor xestión dos recursos mariños. Entre estes últimos, por exemplo, o programa Oceanets, co que se recuperan aparellos abandoados no mar para convertilos en roupa. Economía circular para o sostemento dos océanos.

CLUN: a cooperativa nada da unión de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños, suma da produción láctea de 3.500 produtores galegos, presume de ter as mellores explotacións para poder ofrecer o mellor leite. O compromiso do medio ambiente amósase, entre outras cousas, no seu envase. A cooperativa Clun foi a primeira empresa en España en incorporar a certificación Carbón Neutral para os seus cartóns de leite. Significa que na súa fabricación están garantidas as cero emisións de CO2.

LevinRed: esta cooperativa ourensá, constituida por dúas mulleres da localidade de Leiro, ten a protección do medio ambiente como o seu principio fundamental. É unha empresa adicada a aproveitar os excedentes da produción de viño para a fabricación de produtos cosméticos, de maneira que a idea é xa, de partida, a reutilización e a reciclaxe. As súas cremas, locións, etc, son totalmente naturais e o seu compromiso esténdese tamén aos seus provedores. Só traballan con laboratorios comprometidos coa produción sostible.

Mulleres colleiteiras: outra cooperativa herculina que leva o coidado do medio ambiente no ADN. A empresa adícase á recollida e valorización de aceites usados domésticos. Unha iniciativa que naceu en 2013 para facilitar a inserción laboral de mulleres en risco de exclusión e que, ademais diso, vai librando ano a ano de máis e máis toneladas de graxa á estación depuradora da Coruña.

D-Raíz: no sector da moda, un dos máis contaminantes, a cooperativa D-Raíz pon por diante o coidado do medio ambiente ao definirse como unha marca de “complementos de moda sostible”. Os seus produtos están estampados con tintas á auga -ecofriendly- e elaborados con materiais recuperados, por exemplo con retallos da industria alpargateira da zona do Levante. Empregan tamén o “piñatex”, un coiro vexetal fabricado a partir de fibras extraídas da piña.

Ribatrans: esta cooperativa de transportistas de Pontevedra aposta polo medio ambiente. Amosouno coa súa adhesión ao Pacto Mundial das Nacións Unidas, para o que tiveron que poñer en práctica estritos protocolos de responsabilidade social empresarial, especialmente no eido medioambiental. Así, Ribatrans clasificou a súa flota de dezaseis camións en base ao plan nacional de calidade do aire e protección da atmósfera. Outra cooperativa que é modelo no seu sector.

Amarelante: explotar de xeito sustentable os soutos de Manzaneda é o obxectivo desta cooperativa ourensá. Nos seus primeiros anos comercializou castaña en fresco, actividade que ampliou despois coa elaboración e venda de fariña de castaña e castaña seca. O seu traballo mereceu xa varios premios pola súa importancia para o desenvolvemento do medio rural e ten participado en numerosas actividades de carácter divulgativo e de sensibilización, así como nun proxecto de investigación sobre o aproveitamento integral dos soutos de castiñeiro.

 

Luns, 17 August, 2020 - 10:00

Compartir