Ancoradoiro Cohousing “A fórmula cooperativa é a máis respectuosa e democrática que coñecemos”

Lucía Calvo é a presidenta de Ancoradoiro S. Coop. Galega, unha cooperativa de uso e consumo sen ánimo de lucro, creada para prover os seus socios e socias dunha solución habitacional para a xubilación. Falamos con ela do cohousing, o modelo no que queren vivir ese tempo “de xúbilo”, como ela di, e que consiste en combinar a vivenda privada cos servizos e zonas comúns, nun conxunto residencial creado e xestionado polos propios residentes segundo as súas necesidades e preferencias.

Como proba do interese que suscita esta fórmula, EspazoCoop acaba de celebrar un foro en liña sobre o tema que contou con 70 persoas participantes e que serviu para coñecer experiencias de éxito, nas que o cooperativismo amosouse como un camiño axeitado para un envellecemento en comunidade, con participación e interacción para facer fronte á soidade.

O proxecto comezou a xestarse no ano 2017 e no actual 2020 rematou o proceso de inscrición no Rexistro de Cooperativas. Que vos aporta esta fórmula da economía social?
Comezarei citando ao “Principiño” na famosa novela curta de Saint-Exupéry: “É o tempo que pasas coa túa rosa, o que a fai tan importante”. Certo que temos investido tempo, e ben investido está, xa que sementamos e recollemos. Explícome. Cada minuto que pasamos debatendo, argumentando, coñecéndonos as persoas que estamos na cooperativa Ancoradoiro, considerando e analizando todas as ideas vertidas sobre a mesa, é tempo ben aproveitado, porque deu e segue a dar froitos, mellorando o programa de necesidades e poñendo en valor propostas que afianzan os obxectivos do proxecto cooperativo.

Xa que logo, a resposta é que esta fórmula de economía social é a máis respectuosa e democrática que coñecemos.

O sistema parécenos o que máis vantaxes procura: equidade, responsabilidade, solidariedade, axuda mutua, seguridade, compromiso, cooperación e innovación.

Nestes momentos están a xurdir máis cooperativas en Galicia orientadas a buscar solucións habitacionais. Que vantaxes cres que ten esta fórmula á hora de dotarse dunha vivenda?
A acción das administracións con respecto da vivenda non abonda e tampouco o sector privado dá solucións asumibles para unha boa parte da poboación. As vantaxes da fórmula cooperativa son indubidables, por canto se abarata a promoción ao non haber ánimo de lucro. E no noso caso, ao tratarse dun proxecto no que non se adquire a propiedade, senón que é mediante cesión de uso, evítase a especulación.

Explícome: as persoas socias fan unha achega ao capital social a cambio de adquirir o dereito de uso dun espazo. Ese dereito de uso non se pode transmitir libremente, senón que cando un cooperativista desexa abandonar a cooperativa, desiste do seu dereito de uso e -a cambio- devolvéselle a achega que fixera no seu día. O mesmo sucede cando a vacante se produce mortis causa. A achega ao capital social pasa a formar parte da masa hereditaria. Ese espazo que queda libre, ofréceselle á persoa seguinte na lista de agarda, que á súa vez, fai nese momento a achega que lle corresponde.

Mediante este mecanismo, garántese que quen forma parte da cooperativa e quen vive no Ancoradoiro Cohousing, comparte o proxecto cooperativo, participa no seu desenvolvemento, persigue o seu obxecto social e reúne os requisitos para convivir nunha comunidade de consenso, como é a nosa.

Como é o voso funcionamento e a toma de decisións? Cantos socios sodes agora?
Funcionamos, consonte á Lei de Cooperativas de Galicia, cun órgano de decisión que é a Asemblea Xeral, na que participamos todas e cada unha das persoas que conformamos a cooperativa; tamén existe un Consello Reitor, formado por cinco persoas, que é quen fai que o decidido nos plenarios se leve a cabo.

No momento da constitución da cooperativa, xullo 2019, eramos dez persoas as socias promotoras. Agora estamos na fase de achegarnos á sociedade para que poidan apostar por este proxecto de cohousing senior, todas as persoas que o consideren oportuno. Esta fase comezou a principios deste verán e vemos que hai moitas persoas interesadas, sendo seis as que se sumaron formalmente ao grupo inicial.

A cooperativa de consumidores e usuarios non ten ánimo de lucro. Cales son os vosos obxectivos máis importantes?
Os obxectivos que perseguimos van todos na mesma dirección: atender ás necesidades básicas de coidados, alimento e refuxio, pero ademais procuramos a integración social. Queremos manter a actividade, sentir que a nosa vida ten sentido e propósito.

Non se trata só de procurar bens e servizos para uso ou consumo. Trátase tamén de crear unha comunidade de consenso entre iguais, entre persoas de xeracións próximas, que nos permita conectar con outros seres humanos, a pesar de non pertencer ao  noso grupo familiar, á nosa tribo, pero con quen compartimos intereses e visións do mundo. A familia non basta.  Hoxe en día, a solidariedade interxeracional que funcionou ata hai pouco, está comprometida polos cambios no mercado laboral, entre outros. Queremos evitar a soidade non desexada.

Poderías explicar as liñas principais da solución habitacional que proxectades?
A solución habitacional que proxectamos consiste nunha edificación nova ou a rehabilitación dunha preexistente, que tería tres zonas ben diferenciadas: os espazos privativos de uso individual ou dobre, que comprendan salón, cociña, un ou dous dormitorios, baño e terraza; os espazos comúns, de servizos (lavandaría, comedor, etc.) e sociais,  moi flexibles, para que poidan ter usos múltiples e, por último, os espazos de coidados, para quen os precise de maneira temporal ou permanente e non os poida recibir no seu propio espazo privativo.

A estimación de persoas que poderían vivir no Ancoradoiro Cohousing está por definir, pero pensamos nun mínimo de corenta persoas. Por debaixo desta cifra é moi difícil que a economía colaborativa consiga abaratar os prezos. Con respecto do máximo, quereríamos que fose unha cifra non moi alta. Pensamos nun grupo humano que non chegue a cen. En calquera caso,  depende moito da edificabilidade do terreo que consigamos.

Cal é o perfil das persoas socias?
Entre as 16 persoas socias que somos polo momento, hai máis mulleres que homes (10/6); hai máis persoas que se apuntan en parella que singles (10/6) o que non quere dicir que as seis persoas que se inscribiron elas soas non vivan en parella, senón que hai casos nos que un membro da parella -habitualmente a muller- está interesada no proxecto,  mentres que o home pensa en incorporarse máis adiante.

Temos en común pertencer ao grupo de idade comprendido entre os 50 e os 70 anos; dispoñer dunha renda anual media en torno aos 20.000€; tamén temos en común vivir actualmente en Galicia, principalmente na provincia de Pontevedra, aínda que acollemos con gusto a persoas mesmo de fóra da nosa comunidade; pero, sobre todo, temos en común compartir o proxecto cooperativo e moi particularmente o seu obxecto social.

No  que se refire ás cousas que nos distinguen, paga a pena destacar que somos persoas que exercemos distintas profesións: hai contables, administrativos, especialistas en tempo libre, expertos en prevención de riscos, profesorado de diferentes especialidades, logopedas, autónomos de diferentes sectores económicos, etc. Esta diversidade enriquécenos uns aos outros en xeral e á cooperativa no seu conxunto en particular.  

No voso proceso de creación da cooperativa, tivestes ocasión de coñecer outras experiencias similares?
Claro, delas bebemos.  A verdade é que xerar ideas novas é moi difícil. En realidade, todo o que facemos, o que ideamos, está copiado doutras experiencias. Algunhas coñecémolas a través de internet, pero outras fomos visitalas. É moi estimulante comprobar que hai varios cohousing senior que levan anos funcionando con éxito e que dispoñen dunha lista de agarda que garante a súa continuidade.

A crise da Covid-19 provocou unha reflexión xeral sobre o modelo de vida que temos, sobre o envellecemento. Como están a influír estas circunstancias no voso proxecto?
Moi certo. Nos múltiples contactos que tivemos desde primeiros do pasado mes de xuño con persoas interesadas, detectamos que, debido á crise sanitaria, moita xente deu en pensar sobre aspectos como a vulnerabilidade, a necesidade de coidados para manter a vida, e moi particularmente sobre a etapa na que nos acercamos á  vellez.

Con respecto á influencia das circunstancias sanitarias no noso proxecto, opinamos que por unha banda, achégasenos moita máis xente da que se nos tivese achegado se esta fase de busca de persoas afíns tivese comezado hai dous ou tres anos; e por outra, dada a situación de xeral incerteza, hai xente que está interesada na idea, pero non dá o paso de comprometerse formalmente, por temor a vivir en comunidade, a que tarde en resolverse esta pandemia ou mesmo que apareza outra no futuro.

Xa que logo, nós seguimos a traballar polo futuro, porque nos parece que quedarse de brazos cruzados non é unha opción e animamos a toda a xente que pensa que é unha boa idea, a que apoie o noso proxecto.

En que punto está o proxecto e que previsións temporal tedes en canto a ter o cohousing en marcha?
Ancoradoiro Cohousing é unha cooperativa de uso e consumo constituída en xullo do 2019 e rexistrada legalmente a primeiros do ano. Queremos agradecer expresamente a colaboración que encontramos na Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, a través da Rede Eusumo, sen a cal non teríamos chegado a ese punto, e agora mesmo estamos na fase de darnos a coñecer á sociedade galega para que as persoas interesadas poidan apoiar e unirse a este proxecto.

O cronograma que manexamos contempla dous anos para conseguir solo ou un edificio para rehabilitar, máis a elaboración dun proxecto arquitectónico e licenza urbanística, e outros dous anos para executar as obras. En resumo, pensamos que en catro anos poderemos ter o residencial en marcha.

Credes que o voso proxecto pode servir como inspiración para outros?
O tempo dirá, pero cremos que si.  Que este e outros proxectos que están a funcionar con éxito servirán para que outros grupos semente que xa existan se inspiren neste modelo.

 

Mércores, 11 November, 2020 - 13:00

Compartir