Entrevistamos á cooperativa 13 Grados

1. 13 grados é a temperatura que adoita ter a auga no fondo da ría e que vos inspirou para poñer o nome da vosa cooperativa, dedicada á divulgación e á conservación do medio mariño. Agora ben, que foi o que vos somerxeu nese fondo mariño para apostar por este proxecto?

A culpa de todo tena o mergullo. Sempre confesamos que cando, alá polo 2012, comezamos a sacar o curso de mergullo, a nosa intención era formarnos para nos mergullar cando fósemos de viaxe. Mais cando descubrimos as paisaxes e a vida que había baixo o mar que viamos todos os días, démonos conta de que non tiñamos que marchar lonxe para gozar do mergullo.

Sentimos a necesidade de compartir a beleza e a importancia dese mundo que estabamos a descubrir e que nos enganchou dende o primeiro momento, xa que, igual que nos pasou a nós, moita xente descoñece o incribles que son os fondos galegos, a pesar de telos tan preto.

Por outra banda, a situación actual a nivel ambiental esixe cambios e a implicación de todas as persoas para acadar unha verdadeira sustentabilidade, pero para coidar algo primeiro hai que coñecelo, e así xurdiu o noso interese por combinar a divulgación e a conservación do mar.

 

2. Que parte do fondo mariño estades a preservar? Ría de Vigo/ costa galega... Desenvolvedes a vosa actividade nesas zonas?

Traballamos a un nivel “local” por toda a comunidade autónoma. Porén en todas as actividades e recursos que creamos dende 13 Grados partimos da educación ambiental como base para comprender o efecto global positivo que podemos exercer dende onde vivimos. De feito, todas as persoas estamos intimamente vencelladas ao mar, que fai que a nosa vida sexa posible, e cada decisión que tomamos no noso día a día repercute tamén na saúde do mar e, polo tanto, na nosa. Esta perspectiva de concienciación no coidado do medio mariño sempre está presente en todas as nosas actividades, sen importar que esteamos a realizar un obradoiro nunha zona do interior ou un safari de snorkel no litoral.

 

3. Que tipo de actividades lles ofrecedes ás persoas para dar a coñecer o voso proxecto? De que forma lles achegades o fondo mariño? Como somerxerse sen mollarse?

Ademais de diferentes recursos didácticos, como o libro Alén do azul, as ilustracións e as infografías ou as táboas de identificación submarina, levamos a cabo actividades para achegar a xente ao mar dun xeito diferente: dende safaris de snorkel e mergullo, que buscan un contacto directo para coñecer e respectar o mar cando o visitamos, ata actividades con novas tecnoloxías que nos permiten mergullarnos sen nos mollar. Nestas actividades empregamos lentes de realidade virtual para ter experiencias submarinas inmersivas visualizando imaxes das paisaxes somerxidas en 360º, ou utilizamos robots submarinos que se mergullan por nós e envían imaxes en directo do fondo do mar que podemos ver e interpretar a tempo real dende terra coma, por exemplo, nun auditorio ou nunha clase. Sen descoidar os obradoiros, charlas e exposicións co material audiovisual que filmamos durante os mergullos.

 

4. Como poden as persoas contribuír á conservación do fondo mariño?

O certo é que temos máis poder do que pensamos. Como falabamos antes, todos estamos conectados co mar, ata tal punto que as nosas decisións e accións cotiás repercuten sobre el.

Un aspecto clave desta conexión é o consumo: mercar evitando envases innecesarios (especialmente os plásticos) e elixindo opcións a granel, ou buscar produtos locais de proximidade, de tempada e ecolóxicos. Pero, sobre todo, consumir só aquilo que precisamos, reducir o consumo en todos os sentidos é fundamental.

Tamén existen accións máis directas, como ser respectuosos coa natureza e a vida que alí atopamos, entender que o mar é a casa de multitude de animais e que nós estamos de visita. Non manipular, nin molestar ou interferir innecesariamente na vida animal é un aspecto que semella moi obvio, pero que, ás veces, esquecemos.

 

5. Cal é o voso principal obxectivo en materia medioambiental? Que vos gustaría conseguir a través da cooperativa?

Que sexamos máis conscientes do que está en xogo, é dicir, o valor e a importancia dun lugar único como o medio mariño e esa conexión entre a nosa vida e o que acontece no mar. Pero, sobre todo, que todos nos impliquemos no seu coidado, que pasemos á acción para marcar as diferenzas. Semella algo sinxelo pero, a miúdo, vivimos inmersos nunha rutina que nos desconecta da natureza á que pertencemos.

 

6. No voso caso, poderiades afirmar que é certo que elixindo un traballo que gusta non se ten que traballar ningún día na vida? Cal é a fórmula para conseguilo?

En realidade hai que traballar, e moito, pero loxicamente é un traballo que se fai de boa gana.

Ter a posibilidade de dedicar gran parte do teu tempo a facer algo que che apaixona é unha sorte e iso pensamos que tamén se reflicte na calidade do que fas e o que transmites.

Non cremos que se poida falar dunha fórmula que funcione sempre, pero no noso caso pensamos que foi moi importante a procura de sinerxías con outras persoas e proxectos e a formación en todos os aspectos que poidan axudar a ter máis ferramentas para levar adiante o teu proxecto. E tamén, hai que dicilo, estar preparados para unha experiencia que semella moito unha montaña rusa emocional, onde a incerteza, especialmente nos primeiros anos, obriga a ser forte e crer no que estás a facer.

Se tes moi claro o que che gusta e estás convencida de que é importante e necesario o que queres facer, paga a pena intentalo.

 

   

 

13 Grados EN DATOS

Ano de constitución: 2020

Sede: Subida Barranco, 5, Vigo, 36202 (Pontevedra) 

Persoal: 2

Web: 13grados.com

 

Martes, 6 February, 2024 - 09:15

Compartir