O equipo de "Animosa. Alma y coraje": "Cremos que a forza está no grupo e na colaboración"

“Animosa. Alma y coraje” é o nome dunha sociedade laboral cunha chea das tres cousas. Mónica Conde é a capitana dun equipo de “animosas”, emprendedoras bravas que reivindican cos seus produtos o papel das grandes mulleres da historia. Camisetas, roupa ou artigos de papelería que levan mensaxes de apoderamento feminino e imaxes de grandes como Rosalía de Castro, Marie Curie, Dian Fossey, Hipatia de Alexandría…  O equipo de Animosa cumpre cinco anos e ten moitos folgos para seguir crecendo!

“Animosa. Alma y coraje” naceu hai cinco anos, a finais do 2015. Como xurdiu a idea empresarial?
A empresa naceu, como tantas outras, dunha necesidade. Buscabamos un agasallo para a nosa sobriña Noa, pero non un agasallo calquera, buscabamos un agasallo que servira de inspiración.  Buscabamos exemplos de mulleres que dirixiran o seu destino pero nos estantes das tendas non atopamos iso, máis ben o contrario. E de aí, desa necesidade de referentes femininos e de coñecer mulleres esquecidas na historia, naceu Animosa. Poderiamos dicir que Noa foi o resorte que fixo remover as nosas conciencias e nos obrigou a inventar unha fórmula diferente para apoderala a ela, apoderarnos nós e crear unha marca que poña en valor as fazañas de mulleres singulares que ao longo e ancho do mundo romperon coas normas establecidas e nos mostraron o camiño. Logramos xa o noso primeiro éxito. Temos un vídeo de Noa na nosa web e tamén en Youtube - https://youtu.be/IOhlgwJtH-w

Cantas sodes? Estabades xa todas ao principio ou foron chegando máis socias, explicade un pouco o camiño ata aquí.
Nos primeiros anos eramos catro persoas no equipo, agora xa somos 10 e con perspectiva de seguir crecendo e con miras á internacionalización. Somos un equipo multidisciplinar. Todas somos especialistas en diferentes áreas: organización, xestión, ilustración, produción, deseño… É un equipo sen fisuras. Traballamos en algo que nos apaixona e todas temos en común as ganas de cambiar o mundo e comelo a culleradas. Encántannos os retos e gozamos con cada deseño. Nada está posto ao azar. Todo ten algún motivo, algunha razón de ser ou de estar aí.

Producides roupa, artigos de papelería e tamén tazas e pratos con imaxes de mulleres valerosas, animosas, con alma e coraxe. Que esperades lograr?
As nosas coleccións están baseadas en grandes mulleres da historia, todo ten un fundamento, un estudo previo aderezado con creatividade. Todos os deseños teñen un sentido, un porqué e van acompañados dunha divertida biografía en formato marcapáxinas a modo de etiqueta en todos os nosos artigos. Que conseguimos? Dalgunha maneira, cando tes un produto de Animosa a esencia desas mulleres traspásate, fante sentir poderosa!

E que tal acollida atopastes?
Estamos moi felices coa acollida da marca. Os nosos produtos gustan, os deseños de Animosa chegan á alma. Cando os ves... desexas ter o teu. A sensación que temos é de que nos estaban esperando. O 90% das tendas nas que estamos entenden o produto e sábeno transmitir, por iso xera negocio, pero quen non interioriza a esencia da marca, entón aí non encaixa Animosa.
Animosa véndese en tendas con alma.

Ademais de produtos, Animosa defende unha mensaxe, como se ve nos vosos vídeos e nos post que colgades na web, non si?
O apoderamento feminino, a necesidade de máis mulleres en todos os ámbitos está en todas partes. É xenial que se fale del, que debatamos, que se dean opinións, que sexa tema de conversación... iso é sinal de que algo se move, de que estamos a reflexionar, de que nos estamos cuestionando as cousas. Canto máis falemos de feminismo, máis se entenderá o seu significado e a súa importancia para que a sociedade avance. Non podemos esquecer que grazas ao feminismo, hoxe as mulleres podemos traballar, votar ou ir á Universidade, grazas a que moitas mulleres antes que nós xogánronse o tipo, hoxe nós podemos vivir mellor. Por iso as que somos privilexiadas debemos axudar a outras a que teñan as mesmas oportunidades de liberdade e as súas sociedades avancen….! Se houbo mulleres que xa o fixeron antes en peores circunstancias, por que non podemos facelo nós? Por iso sempre insistimos na educación e no coñecemento de historias de mulleres reais que nos poden facer de guía.

Sodes unha sociedade laboral. Que vantaxes atopades nesta fórmula empresarial? Como tedes estruturada a sociedade?
A economía social permítenos un xeito de traballo máis colaborativo e ilusionante. Esa forma de traballar está no noso ADN. Queremos xerar riqueza no noso contorno e sempre buscamos provedoras o máis preto posible (cousa que cada día cóstanos máis). Somos unha empresa moi horizontal. A nosa meirande fortaleza é a facilidade que temos para adaptarnos aos cambios e un sistema de organización das tarefas, que están moi medidas.

Cando xurdiu a decisión de encadrar a vosa iniciativa na economía social? Tiñades claro isto desde o primeiro momento?
Foi unha idea que tiñamos moi clara dende o inicio porque cremos que a forza está no grupo e na colaboración.

Pensades que a economía social é un bo camiño para o emprendemento? Desde a vosa experiencia, achega axuda nese sentido?
É un bo camiño porque cando compartes obxectivos, compartes os momentos difíciles do inicio e tamén os momentos máis doces.

Estades en Vigo e o voso primeiro mercado está en Galicia, pero na web xa tedes apartado en euskera e contades cunha comercial en Valencia… cales son os vosos plans para crecer?
A maior parte do noso mercado está en Galicia pero temos unha gran presencia en Asturias, Cantabria, Euskadi, Valencia e Murcia e a nosa idea e ampliar a rede comercial a todo o territorio nacional. O noso próximo obxectivo é Cataluña e xa estamos estudando a internacionalización.

E para rematar, poderíades dicir, cada unha das socias, a vosa muller de referencia, coa que vos sentides máis identificadas ou á que máis admirades, explicando por que?
Nisto coincidimos todas en que non hai unha soa muller coa que nos sintamos máis identificadas ou que sexa a nosa referencia, porque depende do día, da actividade que esteamos a facer, do momento. Cada día descubrimos máis e máis mulleres nas que sentirnos reflectidas. Pero, se tivésemos que nomear a unha, tamén coincidimos en que sería, por suposto, Rosalía de Castro. Este amor por ela e pola súa obra pódese ver, sobre todo, nos nosos produtos de papelería. Sempre a levamos connosco nas nosas coleccións.

* Fotografía de arquivo, tomada antes das medidas de contención do Covid-19

 

“ANIMOSA. ALMA Y CORAJE” EN DATOS

Ano de creación: 2015
Nº de persoas socias e/ou traballadoras: 10 persoas
Áreas de actividade: moda, papelería e fogar.
Web: animosa.es
Facebook: www.facebook.com/animosaoficial
Twittertwitter.com/animosaoficial
Instagram: www.instagram.com/animosaoficial

 

Martes, 14 April, 2020 - 17:00

Compartir