Reciproka, unha rede profesional cos valores da economía social para apoiar empresas en crise

O espírito de solidariedade e cooperación que suscitou a pandemia é o motor de Reciproka, unha rede de profesionais do mundo da economía e a empresa que brinda a súa axuda a pemes e autónomos para reinventarse e superar as dificultades. Catorce persoas de catro comunidades autónomas -aínda que o equipo está aberto a novas incorporacións- colaboran nesta iniciativa, moi apegada á economía social e cunha presenza galega destacada. Ofrecen consultoría gratuíta e en liña coa finalidade última de “impulsar unha economía diferente”.

Reciproka comparte os principios e valores da economía social e conta, de feito, con varias mulleres vencelladas ao cooperativismo galego. É un equipo multidisciplinar, con perfís do eido da enxeñería, a avogacía, a psicoloxía, a economía, a educación ambiental… e que teñen en común a súa experiencia na xestión das empresas.

O equipo conta en Galicia, entre outras profesionais, con Mariana Soldavini Amaro, licenciada en Administración e Dirección de Empresas e residente na Coruña, quen destaca que as persoas que forman Reciproka “comparten o seu interese pola economía solidaria, o cooperativismo e o valor do asociacionismo”. “O que máis nos preocupa é o emprego -recalca-; se hai unha peme que está en crise e que consegue reinventarse, os postos de traballo vanse manter”.

A acción de Reciproka vai dirixida a pemes que precisan un cambio de estratexia e que concordan coa filosofía da rede. “Valores como a sostibilidade e o coidado do medio ambiente son tamén un requisito para as empresas que acoden a nós”, comenta Mariana Soldavini, que recorda que a axuda é gratuíta e vai dirixida a pequenas empresas sen recursos. “Non somos competencia nin queremos solapar outros servizos no eido público ou privado que fan este tipo de traballo”, aclara.

Na web de Reciproka hai un pequeno formulario que as empresas en dificultades poden cubrir para entrar en contacto coa rede. “Temos unha metodoloxía de traballo totalmente en liña, que comeza cunha primeira reunión para coñecer a situación, a partir da que solicitamos unha serie de información e documentación para elaborar, nun prazo que adoita estar en torno a tres ou catro semanas, unha diagnose e unha proposta de actuación”.

“Ás veces as persoas que acoden a nós están bloqueadas e a primeira entrevista xa lles vale para reflexionar e ver a situación desde outro punto de vista”, explica. Desde a súa posta en marcha, Reciproka ten colaborado con diferentes emprendedores, algúns dos cales deixaron o seu testemuño na web.

 

RECIPROKA

Web:  https://reciproka.wixsite.com/reciproka
Mail: info.reciproka@gmail.com
Facebook: https://www.facebook.com/ReciproKaReciproKa

 

Luns, 25 January, 2021 - 13:30

Compartir