Rosa Gutiérrez de Galega de Economía Social: "O noso gran logro foi manter os empregos para as máis de 600 persoas con discapacidade que traballan nas empresas do grupo"

Galega de Economía Social (Grupo GES) é unha das entidades de referencia  de Galicia na creación de emprego de calidade para persoas con discapacidade. Está formada por un grupo de empresas de economía social, algunhas delas marcas recoñecidas nos seus respectivos sectores, como Coregal ou Hornos de Lamastelle. Está participada maioritariamente pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), e tamén conta coa participación de XesGalicia. Forma parte da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal). Nesta entrevista achegámonos máis á súa actividade e proxectos.

Para as persoas que non coñezan o Grupo GES, como explicaría en que consiste e cal é o seu labor?
Galega de Economía Social (GES) é a matriz dun grupo de empresas de economía social, concretamente centros especiais de emprego de iniciativa social, (que son aqueles promovidos e participados en máis dun 50 por cento por entidades sen ánimo de lucro ou que teñan recoñecido o seu carácter social nos seus estatutos), e que teñen como razón de ser a promoción e procura de emprego de calidade para as persoas con discapacidade. Desde GES realízase o apoio á xestión ás empresas que forman parte do grupo, tratando de consolidar as súas iniciativas, facéndoas máis fortes e sostibles e buscando novas oportunidades de negocio para xerar máis emprego.

GES creouse en 2003 pero algunhas das empresas que forman parte deste grupo iniciaron a actividade antes. Como foron as orixes?
Certo, algunhas das empresas integradas en GES son anteriores ao grupo. COGAMI, a entidade que impulsou Galega de Economía Social, naceu no ano 1990. Desde a súa orixe, esta entidade sempre apostou pola xeración de emprego, xa que considera que non hai verdadeira inclusión sen un emprego que permita á persoa con discapacidade  desenvolverse plenamente como cidadán.

Por iso, desde o comezo, COGAMI explorou proxectos que puideran derivar en empresas. Foi pioneira na proposta de proxectos a Europa, a través de programas de financiamento. Así, naceron empresas como Coregal, Grafinco ou Trameve. Porén, chegou un momento no que COGAMI, que non era unha entidade experta na xestión empresarial, detectou a necesidade de crear unha estrutura para consolidar esas iniciativas empresariais, unificando criterios. Con este obxectivo, constitúese en 2003 Galega de Economía Social, que se converte nunha ferramenta para xerar máis oportunidades.

Nestes anos, cal foi a evolución do grupo na creación de empregos?
A traxectoria foi positiva porque ao final, máis alá dos números, hai factores cualitativos que cómpre ter en conta. Por exemplo, no caso do noso buque insignia, Coregal (creada en 1994), no proceso inicial de formación empezaron catro ou cinco persoas, e agora dá traballo a 180 persoas nunha empresa que xestiona residuos en calquera concello de Galicia e que compite en igualdade de condicións con empresas máis grandes. Son vinte anos de traxectoria cunha evolución moi positiva.

Polo camiño creáronse novas empresas pero tamén fracasaron outras, pois a crise afectounos como ao resto de sectores. Con todo, sempre intentamos manternos no mercado e hoxe no conxunto das empresas traballamos máis de 600 persoas.

Que empresas forman parte na actualidade de Galega de Economía Social?
Somos once empresas: Coregal, Dixardín, Trameve, Hornos de Lamastelle, Coinco, Artegalia, Grafinco, Integratex, Activa e Combina. É un grupo moi diversificado por sectores, que atende ás distintas oportunidades que foron xurdindo. Xestionamos residuos, temos unha fábrica de empanadas, tartas de Santiago e outros produtos de repostería en Oleiros, desde a que vendemos a toda España desde hai moitos anos con 90 persoas traballadoras. Tamén contamos, entre outras, cunha imprenta, unha empresa de xardinería, de distribución e unha colaboración con Inditex, consistente na comercialización de roupa, calzado e complementos das marcas Massimo Dutti, Tempe e Pull and Bear con tendas en Allariz e Ferrol.

Cal é o perfil formativo e técnico das persoas que traballan na empresa?
Como calquera empresa, as persoas contan cos coñecementos, experiencia e aptitudes para desenvolver as funcións asignadas. O realmente importante para nós son as capacidades das persoas e poñelas en valor.

A organización realiza a adaptación necesaria do posto de traballo de forma que cada profesional desempeña unha actividade que lle permita potenciar as súas capacidades, recibindo formación continua e desenvolvendo habilidades que fagan posible a inclusión no mercado laboral ordinario.

Galega de Economía Social colabora en proxectos de RSC con outras entidades e empresas. De que tipo de proxectos se trata?
No campo da RSE, o que facemos é promover organizacións comprometidas co noso obxectivo, procurando que incorporen á súa xestión esta realidade. Promovemos que as empresas que nos coñecen, afíns ou provedoras, contraten persoas con discapacidade, que adquiran produtos ou servizos a centros especiais de emprego de iniciativa social, e que incluso pensen en ser provedoras de certos servizos destinados a persoas con discapacidade. Este colectivo supón o 10% da poboación e, polas súas características, é un importante nicho de mercado.

As accións mencionadas desenvolvémolas como parte do ADN da nosa organización. A maiores, o que facemos con menos frecuencia da que nos gustaría, porque precisa de reflexión e recursos, é promover sinerxías con outras entidades en distintos sectores mediante o desenvolvemento de proxectos de valor compartido, que permitan integrar a dimensión da discapacidade de forma transversal e ademais incorporar outros elementos vinculados á sustentabilidade como, por exemplo, no eido do medio ambiente, no que contamos con empresas como Coregal, Trameve ou Dixardin, que poden aportar o seu coñecemento e experiencia.

Que sinerxías establece o Grupo GES co sector da economía social?
O concepto de economía social é relativamente recente. Pola nosa banda, somos unha entidade aberta á colaboración e ao traballo en rede especialmente coas entidades afíns en canto a valores, que traballan por e para persoas. E así entendemos a economía social e os seus actores, como entes colaboradores.

Estamos traballando para lograr novas sinerxías que fagan a economía social moito máis visible a través da participación en Cegasal, entidade fundadora do Foro da Economía Social, no firme convencemento de que a mellora do coñecemento mutuo, e o desenvolvemento de proxectos comúns contribuirán a un sector máis forte e cun maior impacto socio económico na comunidade.

Cales son os principais fitos que destacaría na traxectoria da empresa?
Houbo moito fitos, pero o gran logro, a pesar das dificultades, é o ter sido capaces de manter unhas cifras de emprego para persoas con discapacidade moi relevantes dentro da Comunidade, con empresas que nalgúns casos levan máis de 20 anos no mercado.

Ademais, o feito de pasar de realizar actividades consideradas residuais a ser recoñecidas polo mercado e con valor engadido para os clientes ten moito valor. E, por último, hai que destacar que as principais responsables de todo isto son as propias persoas traballadoras, que co seu bo facer contribuíron á rendibilidade e a acadar o que somos hoxe.

 

GALEGA DE ECONOMÍA SOCIAL EN DATOS

Ano de creación: 2003
Nº de empresas do Grupo: 11 empresas
Nº de persoas traballadoras: máis de 600 persoas
Áreas de actividade: alimentación, xardinería, xestión de residuos, distribución, téxtil, artes gráficas, tratamento medioambiental de vehículos, transporte adaptado, emprego temporal e externalización de servizos.
Web: www.galegadeeconomiasocial.gal

 

Martes, 20 August, 2019 - 10:30

Compartir