Por admin_eu, 29 Maio, 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, interveu hoxe na clausura do Día da Economía Social Galega organizado por Foroesgal, onde puxo en valor o peso na nosa Comunidade desta fórmula solidaria pegada ao territorio, xeradora de riqueza e emprego tanto en vilas como en cidades.

Por admin_eu, 28 Maio, 2026

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá na mesa redonda sobre políticas territoriais de fomento da economía social do XI Coloquio Ibérico de economía social, organizado polas seccións portuguesa e española de CIRIEC (Centro Internacional de Investigación e Información sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa). Alí, destacou o apoio da Xunta a esta fórmula económica solidaria pegada ao territorio, cun orzamento próximo aos 45 M€ este ano.

Por admin_eu, 27 Maio, 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da empresa Motomiño, no concello de Tomiño, con motivo das axudas Aprol Economía-Social.

Esta empresa foi unha das beneficiarias da convocatoria do pasado ano, recibindo unha achega de 18.000 euros pola incorporación de dúas persoas con carácter indefinido. Estas axudas teñen como obxectivo facilitar a achega das persoas socias ao capital social e reforzar o emprendemento no eido da economía social, favorecendo a incorporación estable de persoas ás cooperativas e sociedades laborais.

Por admin_eu, 26 Maio, 2026

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na Feira da innovación cooperativa, impulsada pola Mancomunidade de Ordes e apoiada pola Xunta. Alí, puxo en valor as cooperativas escolares presentadas hoxe por máis de 80 estudantes e a oportunidade de compartir experiencias sobre o emprendemento colectivo e a economía social.

Por admin_eu, 18 Maio, 2026

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, visitou esta mañá a Asociación Aixiña, un dos 13 centros especiais de emprego ourensás beneficiarios na orde de axudas do ano 2025, dirixidas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras con discapacidade nestes centros, aos que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou preto de 1,3 M€ para o mantemento de 217 postos de traballo.

Por admin_eu, 12 Maio, 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a traxectoria e o compromiso do grupo Covirán co desenvolvemento económico de Galicia. Durante unha visita á súa plataforma loxística no polígono compostelán do Tambre, o titular do Executivo autonómico puxo en valor o esforzo da cooperativa por modernizar e ampliar estas instalacións para facelas máis competitivas, o que cualificou como unha proba da súa aposta pola comunidade.

Por admin_eu, 20 Abril, 2026

O programa Medrando Xuntas celebrará o vindeiro 19 de xuño ás 12:30 horas na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o seu encontro anual, unha cita que reunirá a mulleres de toda Galicia vinculadas á Economía Social.

O Encontro Medrando Xuntas configúrase como un espazo de inspiración, recoñecemento e conexión no que socias, traballadoras, directivas e emprendedoras compartirán aprendizaxes e experiencias, poñendo en valor o seu papel na construción dun modelo económico máis xusto, colaborativo e sostible.