O Consello da Economía Social de Galicia é o órgano consultivo e asesor para as actividades relacionadas coa economía social, especialmente no ámbito da promoción e difusión da economía social.
Este órgano promoverá o diálogo, a coordinación e a colaboración entre todos os actores da economía social, sendo a vía principal de participación das entidades da economía social.

Cales son as súas funcións?

  • Asesorar, cando sexa requirido para elo, na planificación, fomento, coordinación e execución dos programas de promoción e difusión da economía social, en especial mediante a elaboración de recomendacións.
  • Emitir informe, con carácter facultativo e non vinculante, sobre os proxectos de normas reguladoras que afecten ás entidades da economía social galega.
  • Elaborar estudos e propostas sobre cuestións que afecten á economía social en Galicia, así como os informes que con carácter facultativo e non vinculante lle soliciten as autoridades competentes sobre esta materia.
  • Colaborar na elaboración e avaliación dos programas de desenvolvemento da economía social, cando sexa requirido para elo.
  • Formular e informar propostas de incorporación ou exclusión no Catálogo galego de entidades da economía social de tipos de entidades da economía social.
  • Orientar a cooperación empresarial entre as entidades que forman parte da economía social.
  • Asesorar, cando sexa requirido para elo, na integración e coordinación da promoción da economía social coas demais políticas públicas, en especial coas dirixidas á creación de emprego, o fomento do emprendemento e o desenvolvemento local e rural.
  • Velar pola promoción e adecuada aplicación dos principios da economía social expresados na presente lei.
  • Todas aquelas funcións que veñan determinadas por disposicións legais ou regulamentarias.

Ademais destas funcións, o Consello aprobará as normas de réxime interno, constituirá comisións de traballo e calquera outra función que resulte precisa para o cumprimento dos seus obxectivos. En concreto, poderanse crear comisións de traballo para o estudo de cuestións concretas e a elaboración de informes e ditamenes.

Cal é a súa composición?

  • 1
    A presidencia, que a ocupará o conselleiro ou conselleira competente en materia de economía social, ou persoa en quen delegue.
  • 2
    A vicepresidencia primeira, que a ocupará a persoa titular da dirección xeral competente en materia de economía social, ou persoa en quen delegue.
  • 3
    A vicepresidencia segunda, que será ocupada pola persoa elixida maioritariamente polas persoas membros do Consello de Economía Social representantes das entidades da economía social, de entre elas.
  • 4
    Doce persoas en representación das entidades da economía social de Galicia.
  • 5
    Nove persoas en representación da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • 6
    Unha persoa designada conxuntamente polas organizacións sindicais intersectoriais da comunidade autónoma con dereito de participación institucional conforme á normativa de aplicación.
  • 7
    Unha persoa en representación das organizacións empresariais intersectoriais mais representativas a nivel galego.
  • 8
    Unha persoa representante dos municipios de Galicia proposta pola Federación Galega de Municipios e Provincias.
  • 9
    Unha persoa representante das universidades de Galicia designada conxuntamente polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Canto dura o seu mandato?

A duración do mandato das persoas integrantes do Consello da Economía Social de Galicia será de catro anos, renovándose á finalización deste período, sen prexuízo da súa reelección.