A Xunta amplía ata case 6 M€ as axudas do programa Aprol Economía Social para seguir impulsando o emprego en cooperativas ou sociedades laborais
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que incrementa en preto de 1 millón de euros a última convocatoria de axudas das axudas Aprol Economía Social, que inclúe apoios ao emprego en cooperativas e sociedades laborais. Así, a Xunta aumenta máis dun 19% estes apoios aos que destinará en total case 6 millóns co obxectivo de seguir fomentando o emprendemento e o emprego na economía social.
Cómpre lembrar que este programa conta con dúas liñas compatibles entre si: unha primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas; e unha segunda, para beneficiar a quen entre como socia ou traballadora indefinida a unha destas entidades ou ben inicie a súa actividade por conta propia. Neste último caso, os apoios son compatibles co resto de liñas de impulso do traballo por conta propia que promove a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos acumulables do 25% se se trata de mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou que as entidades se ubiquen en contornas rurais ou sexan cooperativas xuvenís. A ampliación do crédito permitirá atender o total das solicitudes recibidas no prazo oficial da convocatoria, que pechou o 16 de setembro.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241031/AnuncioG0767-281024-0001_gl.html