A Xunta destaca o apoio ao cooperativismo e a economía social para a xeración dun emprego inclusivo, igualitario e solidario

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, interviu hoxe na clausura da xornada de presentación de resultados do programa +COOP de apoio ao emprendemento 2024, organizada pola Unión de Cooperativas EspazoCoop no marco das actividades da Rede Eusumo da Xunta.

Alí, subliñou os apoios e liñas de actuación do Goberno galego orientadas a impulsar o cooperativismo e a economía social, co obxectivo de que sigan sendo modelos de éxito de emprendemento en Galicia, un sector que o ano pasado facturou case 3.000 millóns de euros e que representa un 4,5% do PIB galego. Neste senso, mencionou os programas de apoio económico, de asesoramento e acompañamento, de formación e a realización de actividades divulgativas que desenvolve a Xunta a través da Rede Eusumo, que presta apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social asesorando a persoas e entidades interesadas en emprender neste ámbito.

A xornada tivo lugar no Rural-Lab La Moda de Silleda, sede do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Pontevedra Norte e Rías Baixas, un dos 14 centros activos- despois da recente incorporación de Sarria- da Rede de Polos de emprendemento impulsada pola Xunta no conxunto do territorio galego. Esta rede, que desde a súa posta en marcha acompañou xa máis de 2.000 proxectos empresariais en toda a Comunidade, ofrece diferentes propostas dirixidas tanto a persoas emprendedoras como ás interesadas en montar novas empresas.

 

Programa +COOP

A Unión de Cooperativas EspazoCoop vén desenvolvendo no período 2023-2024, en colaboración coa Rede Eusumo da Xunta de Galicia, o programa +COOP, co fin de prestar servizos de apoio á cidadanía para crear empresas cooperativas e acceder así ao emprego, mediante a fórmula do autoemprego colectivo. Durante a xornada fíxose balance do programa e celebrouse unha mesa na que compartiron experiencias algunhas das cooperativas participantes. +COOP desenvolveuse prestando orientación, información, asesoramento e acompañamento especializado a colectivos de persoas que quixeron emprender baixo o modelo cooperativo, para facer das súas ideas de negocio e actividades profesionais, proxectos cooperativos viables, económica e societariamente.

 

Diálogo social

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a destinar para 2024 máis de 43,6 millóns de euros á economía social, un investimento que se articula en tres grandes eixos de actuación: a difusión da economía social, a creación e consolidación de iniciativas e a promoción do emprego inclusivo. No relativo ao cooperativismo, o orzamento destinado ás axudas este ano aumentou nun 6,7% con respecto a 2023.

Ademais, o Goberno galego está reforzando o proceso de participación e escoita activa con todos os axentes implicados da economía social para o deseño da nova Lei de cooperativas. Tamén está en marcha a segunda Estratexia da economía social, co horizonte posto en 2027. Cun orzamento 174 millóns de euros, o seu obxectivo é xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial, fomentando ademais a innovación e unha maior presenza da mocidade e das mulleres neste ámbito.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

 

Luns, 8 July, 2024 - 15:00

Compartir