A Xunta destina máis de 3 M€ a dúas liñas de impulso ás entidades e asociacións da economía social como motores de crecemento sustentable no territorio

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024

O Consello da Xunta autorizou hoxe dúas liñas de apoios por un valor total de máis de 3 millóns de euros para seguir impulsando en 2025 a economía social, a través dunha nova convocatoria do Bono Consolida -orientado a que sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego poidan avanzar na súa transformación dixital e ecolóxica-, e un programa con axudas específicas para colaborar cos gastos de funcionamento das entidades máis representativas do sector.

A través de ambas as liñas, dotadas, respectivamente, con 2,73M€ e 0,33M€, o Executivo galego busca contribuír ao impulso da actividade económica destas fórmulas de negocio, incrementando a súa competitividade e mantendo empregos inclusivos e de calidade, vencellados ao territorio, e favorecendo un crecemento sustentable.

Unha folla de ruta que a Xunta continuará reforzando o vindeiro ano, consignando ata 44,8M€ nos orzamentos de 2025 a actuacións encamiñadas a favorecer a economía social e o cooperativismo na nosa comunidade, o que supón un 2,8% máis que no exercicio anterior.

Ademais, a Xunta de Galicia está a impulsar a nova Lei de cooperativas, para facilitar a creación de novas entidades, estimular a súa presenza en todos os sectores e axudar a que as existentes avancen na súa profesionalización e dixitalización. Trátase de adaptar o actual marco regulador -que data de 1998- ao novo contexto socioeconómico, e de dar impulso a este modelo contando cos axentes implicados, dotando as cooperativas de ferramentas e métodos organizativos para mellorar a súa xestión diaria. Todo isto coa II Estratexia galega da economía social en marcha, coa cal se pretende crear 4.000 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír ata 400 novas entidades. 

Nova edición do Bono Consolida  

O Bono Consolida, dotado en 2025 con 2,73M€, ten como finalidade apoiar a consolidación das entidades da economía social, así como reforzar a súa presenza no tecido económico de Galicia, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, contribuíndo ao impulso da súa actividade económica, incrementando a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos inclusivos e de calidade.

Con achegas o vindeiro ano de ata 30.000 euros por entidade e unha intensidade da axuda do 80% do custo subvencionable, financiaranse, entre outras actuacións, investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025 en equipamento informático, software, márketing, eficiencia enerxética, elementos de transporte, formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (Reta) ou reformas que se realicen en calquera instalación do centro de traballo.

Poden ser beneficiarias destes apoios sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que estean rexistrados e acrediten unha antigüidade mínima de 42 meses. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do oitavo día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, prevista para principios de ano. Estas axudas, que se convocan desde o ano 2021, xa beneficiaron este ano preto de 160 entidades, coa previsión de acadar as 200 solicitudes concedidas de cara a 2025.  

Apoio ao asociacionismo

A outra liña de apoio aprobada hoxe polo Consello da Xunta está destinada a colaborar nos gastos de funcionamento das entidades asociativas que representan esta fórmula. O reto desta iniciativa é facer efectiva a promoción das organizacións representativas das entidades que forman parte da economía social.  

Este programa conta con dúas liñas de financiamento. A primeira, con 230.000 euros, vai dirixida ao fomento e á consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais. A segunda, con 100.000 euros, está destinada ás asociacións de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral. En ambos os dous casos apóianse parcialmente (ata o 90%) os seus gastos de funcionamento. Ademais, como novidade, este ano introdúcense novos criterios de puntuación, valorándose a realización de iniciativas no ámbito do emprendemento na economía social - especialmente o vencellado ao rural, ás mulleres e á mocidade- así como actividades innovadoras e sustentables. 

Con todas estas medidas, o Goberno autonómico quere contribuír a consolidar e reforzar a economía social como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio. 

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Luns, 18 November, 2024 - 11:15

Compartir