A Xunta pon en valor a contratación reservada a centros especiais de emprego e empresas de inserción para seguir garantindo un mercado laboral inclusivo

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, inaugurou esta mañá unha xornada sobre o fomento da contratación reservada na Xunta de Galicia en sectores específicos, organizada pola Asociación empresarial de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal) e a Asociación de empresas de inserción de Galicia (Aeiga) co apoio da Administración autonómica a través da rede Eusumo.

Pablo Fernández puxo en valor que ferramentas como a contratación reservada seguen a ser unha aposta firme da Xunta para a inclusión laboral das persoas con discapacidade e en risco ou situación de exclusión social, sinalando que é fundamental apoiar a estas entidades cuxa labor é esencial para que as persoas con maior nivel de dificultade de acceso ao mercado de traballo poidan desenvolverse tanto desde unha esfera profesional como social e persoal.

A Xunta de Galicia ten aprobado un acordo sobre a reserva dunha porcentaxe mínima da súa contratación pública a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, seguindo o mandato da disposición adicional cuarta da lei de contratos do sector público.

O secretario xeral -que tamén participou na mesa redonda Visión e compromiso: a importancia da contratación pública reservada na Xunta de Galicia- explicou tamén que a Administración autonómica avanza no fomento deste instrumento a través da formación dos empregados públicos. Por iso, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, vaise propoñer a creación de cursos específicos a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) sobre este ámbio para todos os funcionarios, especialmente para aqueles que teñan que xestionar un procedemento de contratación.

Ademais, indicou, é preciso promover a compra ou a contratación de servizos por parte das empresas privadas aos centros especiais e ás empresas de inserción, como parte da súa política de responsabilidade social. Finalmente, avanzou que a Xunta traballa na modernización da web do catálogo de economía social, co obxectivo de garantir maior accesibilidade ao seu contido.

Medidas a prol do emprego inclusivo

A contratación reservada enmárcase na aposta da Xunta de Galicia polo emprego inclusivo e polo seu apoio ás entidades que traballan con persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

Ademais, a Xunta impulsa a economía social a través da execución da Estratexia de economía social Horizonte 2027, coa aspiración de crear 4.000 empregos, 400 entidades e posicionar o modelo nos sectores tecnolóxico, verde, industrial e sustentable. O Goberno galego traballa tamén, da man do sector, na nova Lei de cooperativas, que adaptará a lexislación aos novos tempos e permitirá axilizar a creación de entidades.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Mércores, 23 October, 2024 - 13:15

Compartir