A Xunta presenta o orzamento de Economía Social, incluído nas contas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para 2025
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, compareceu esta tarde na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento para explicar as contas do seu departamento para 2025. Alí, debullou as políticas e medidas previstas cun orzamento global superior aos 497 millóns de euros co obxecto de que Galicia goce dun emprendemento e emprego de calidade no marco dun mercado laboral dinámico e inclusivo e dun crecemento sostible.
No campo da economía social, o conselleiro explicou que se eleva ata os 44,8M€ o investimento global, con especial atención a entidades como os centros especiais de emprego (29,3M€) e coa vista posta na nova Lei de cooperativas. Para avanzar na igualdade laboral, trasladou que se consolidan en 2025 as axudas a prol da contratación feminina en sectores masculinizados (1,7M€) e o programa Galicia Emprega Muller (7M€).
Entre as novidades non relacionadas coa economía social, pero que se relacionan debido a que o seu orzamento refórzase polo resto de actuacións da consellería, fíxose especial fincapé nun plan para a captación de talento cun conxunto de medidas dotadas con máis de 11M€ orientado a atraer persoas retornadas e estranxeiras de terceiros países, incluíndo perfís de alta cualificación profesional. Salientou tamén o compromiso de unificación nunha soa convocatoria de máis de 40 millóns de euros en axudas para autónomos no marco dos 60 millóns mobilizados en políticas de traballo autónomo e emprendemento, tras terse cumprido neste 2024 coa orde de impulso da contratación de mulleres en sectores masculinizados e coa de primeira experiencia profesional para menores de 30 anos, aos que se destinará agora a nova Estratexia Mocidade Activa, dotada nesta Consellería con máis de 20M€.
Na súa intervención, o conselleiro considerou fundamental continuar traballando da man da colaboración público-privada e do Diálogo Social para seguir consolidando o mercado laboral e o tecido produtivo galego.