A Xunta reivindica en Xantar 2024 a importancia da cadea de valor da industria gastronómica como motor de dinamización local e xeradora de emprego
Ourense, 24 de outubro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e do director da Axencia da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, inaugurou hoxe a XXV edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se celebrará en Expourense ata o día 27 de outubro co obxectivo de promocionar os produtos agroalimentarios galegos de calidade a través de diferentes actividades, como degustacións, catas, conferencias ou showcookings.
O conselleiro de Emprego salientou o protagonismo de Xantar na promoción e recoñecemento internacional da cociña galega, poñendo en valor o fito do 25 aniversario deste evento, consolidado xa como un referente no turismo gastronómico internacional e que, ano a ano, demostra unha altísima capacidade para atraer participantes de toda España, Portugal e Iberoamérica.
Neste senso, José González sinalou que Xantar é un magnífico escaparate dos mellores produtos galegos que impulsan a economía do rural, contribúen á creación de emprego e de riqueza e promoven un modelo de desenvolvemento no que a calidade e a sustentabilidade son inseparables. Unha cadea de valor, destacou, da que forman parte produtores locais, agricultores, gandeiros, traballadores do mar, comerciantes, praceiros, cooperativistas, cociñeiros, emprendedores ou mesmo artesáns, e que, entre todos, fan posible que a gastronomía galega sexa unha das nosas industriais máis punteiras e cunha enorme capacidade de establecer sinerxías con outros activos da Comunidade, como pode ser o turístico.
Así mesmo, o titular de Emprego tamén reafirmou o papel desta feira como unha plataforma comercial moi eficaz para que as empresas galegas do sector gañen visibilidade e atopen novas oportunidades de negocio no transcurso destes días.
Impulso da economía social
A Xunta de Galicia ratifica un ano máis o apoio por este salón gastronómico que, durante catro días, reúne no pavillón de Expourense o mellor dos produtos galegos e o máis recoñecido da súa cociña, tanto tradicional como de vangarda.
No marco desta colaboración institucional, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración participa cun stand propio no que se lle dará visibilidade a diferentes proxectos de economía social en Galicia. Concretamente, exporán os seus produtos seis empresas: Productores del Campo de Capela, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, Tres Fuciños, Barbudos, Condado Paradanta e Terras da Mariña, entre cuxos produtos se atopan carnes, queixos, requeixos, meles, licores e viños, que os asistentes poderán coñecer e degustar. Así mesmo, os visitantes tamén terán a oportunidade de solicitar información acerca do cooperativismo e destas fórmulas de negocio comprometidas socialmente.
O mellor da terra e do mar
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural conta cun expositor de 147 metros cadrados de superficie e dúas salas de cata, que acolle a 10 empresas coexpositoras e unha vintena de actividades cos produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade diferenciada como protagonistas. Alí, a parte das catas, obradoiros, degustacións e talleres; os viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia terán unha presencia destacada cun túnel propio, onde os asistentes poderán degustar aquelas bebidas premiadas nas Catas de Galicia 2024, así como outras propostas enolóxicas galegas.
Canto á Consellería do Mar, participa unha edición máis en Xantar tamén co seu propio expositor, no que se desenvolverán distintos obradoiros-degustacións que poñen en valor a excelente calidade dos produtos que saen da costa galega. Serán un total de 8 accións, nas que se ofrecen aos asistentes as propiedades e o valor culinario e gastronómico que especies como o bonito do norte, a pescada do pincho de Burela, o rodaballo ou o mexillón aportan á dieta atlántica tan recomendada para a saúde polos profesionais sanitarios.
Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración