Entrevistamos ás socias fundadoras de Alalá, "un vínculo entre a terra e as persoas"

1. Alalá é un canto popular dalgunhas provincias do norte de España e, ademais, utilízase para expresar asombro ou admiración, que ten Alalá de “asombroso”? Como definiriades a vosa cooperativa en catro palabras?

Efectivamente, facémonos coa emotividade dos alalás que cantan as historias da vida no campo, que mencionan as árbores autóctonas, que contan o lamento das persoas emigradas ou que son as nanas que reconfortan a calquera almiña nova...

E para nós, Alalá é a unión das voces e a paixón por manter viva a esencia galega en comunidade, dende unha visión feminista e de defensa da terra.

Alalá é VÍNCULO entre a terra e as persoas, é ECOFEMINISMO e TRANSFORMACIÓN ECOSOCIAL do territorio.

 

2. Quen está detrás deste coidado e interesante proxecto?

Detrás estamos nós:

Cande (25) e Julieta (34). Somos dúas irmás que migramos dende Arxentina para acá, hai 19 anos.

Cande é unha das miñas persoas favoritas. Levamos xuntas 25 anos. Somos moi distintas e inseparables. Non imaxino a miña vida sen ela.

Cande é a alma e o corazón de Alalá. Está enraizada nas entrañas do proxecto e fai posible o equilibrio entre os coidados persoais e os coidados á cooperativa. Cande é do mar e dos paseos polo atardecer, aínda na chuvia. É constancia e profesionalidade.

Cande é paz e ten ese ollar sempre confiado e cheo de brillo que proporciona seguridade. É un referente para min e a vida ao seu lado é máis bonita de ser vivida.

Julieta é unha muller con paixón e coa visión de impulsar proxectos transformadores. A súa vida está chea de aventuras. Lembro que pasei boa parte da miña infancia e adolescencia vivindo as súas aventuras. Vai na súa natureza ter impulso e ser o latexo de Alalá.

Juli é o sentir e o facer de Alalá. Ten unha mirada sensible e capaz de liderar proxectos que calan nas persoas porque pon todo o corazón e a enerxía.

Juli... a Julieta dos ríos, das montañas e dos montes... Que fariamos sen esa vitalidade que ten!

Julieta é imprescindible para Alalá, para a miña vida e tamén para o mundo.

 

3. Cal foi o motivo que vos impulsou a crear unha cooperativa ligada á transformación ecosocial dos territorios?

As cooperativas somos unha das moitas formas xurídicas dentro da economía social. E, se ben dentro da economía social perseguimos os intereses colectivos das persoas traballadoras, tamén procuramos os intereses sociais e os económicos...

Temos que incidir que ese “benestar económico e social” para nós, dende Alalá, debe ir da man das necesidades e as posibilidades actuais da terra. Isto é unha carreira de fondo, a contrarreloxo.

Principalmente este é o motivo que nos impulsou a impulsar un proxecto ligado á transformación ecosocial dos territorios:

Que se relaciona coas necesidades que ten a terra de recompoñerse para o seu propio equilibrio e benestar, dende a xustiza climática e as necesidades humanas dentro destes desequilibrios planetarios.

Non existe vida posible sen a terra, sen a disposición dos recursos que nos ofrecen o 100 % do día a día. Nós pensamos que é tempo de reaxustar as nosas necesidades, que deben ir acordes coas posibilidades da terra. É unha apreciación sutil e parece pequena, pero supón un gran reto.

Nesta transformación ecosocial dos territorios nós perseguimos un fin, que é estar, colaborar, sensibilizar e accionar para que a transformación (á parte de ser social e de poñer no centro ás persoas) sexa ECOLÓXICA a través das empresas, das comunidades escolares e dos concellos.

A terra non necesita de nós. Pero nós si necesitamos da terra para a nosa propia supervivencia.

Se queremos manternos vivos e vivas non pode ser nunca a costa dela. E ás veces non chega coa sustentabilidade. A visión de liderar para as persoas e a terra debe ter un carácter máis profundo, necesitamos cambios sinxelos e transformadores, que son posibles de acadar, se verdadeiramente estamos dispostos a loitar pola defensa do noso planeta.

A nós, gústanos a especie humana, aínda que ás veces desexariamos pertencer a outra especie... Isto tamén é verdade.

Pero que especie humana nos gusta? Pois como dio Sr. Galeano “moitas persoas facendo cousas pequenas cambian o mundo”. Esa é a especie humana que nos gusta, coa que defendemos a vida e con quen camiñamos.

 

4. Por que unha cooperativa e non outra fórmula xurídica para constituírvos?

De por si unha cooperativa sen ánimo de lucro xa muda un pouco, bastante, o xeito de desenvolver unha actividade económica.

Os valores cooperativos xa na súa propia natureza son de colaboración e de procesos democráticos na toma de decisións, e nós, á parte de ser as fundadoras de Alalá S.Coop.Galega, somos socias e traballadoras do noso emprendemento.

No imaxinario aínda persiste a idea de que as cooperativas son só agrarias, pero non: Hainas de servizos, de consumo, de confrarías, de ensino, de mutuas etc. e tamén está a nosa que é de traballo asociado sen ánimo de lucro.

Isto significa que como profesionais e especializadas no sector social e ambiental, e na intervención sociocomunitaria e nas políticas de igualdade unímonos para ofrecer os nosos servizos ás empresas, aos concellos e ás comunidades educativas.

 

5. Onde desenvolvedes a vosa actividade?

En toda Galicia, pero actualmente estamos traballando moito na zona do Baixo Miño.

Traballamos nas comunidades educativas a través dos concellos ou das ANPAS, ofrecendo formacións, campamentos de verán con visión ecosocial, xornadas de conciliación e obradoiros a infantil, primaria e secundaria.

Adaptamos as nosas propostas ás diferentes realidades de cada aula e de cada centro escolar e tamén desenvolvemos propostas a medida segundo as necesidades.

Tamén desenvolvemos actividade nas empresas: damos formacións de igualdade e de sensibilización e acción medioambiental (cunha visión ecosocial). O tecido empresarial é fundamental para acadar obxectivos de transformación ecosocial, necesarios para o presente pero tamén para o porvir. É importante que cada vez existan máis persoas emprendedoras dispostas e capacitadas para liderar a favor da terra e das persoas!

Nós acompañamos nese camiño.

 

6. Como nutrides persoal e comunitariamente a sociedade a través dos vosos proxectos?

Persoalmente non hai un só día no que non recollamos plásticos atopados nos camiños, na area (incluso dentro do mar), no monte, nos ríos... Reflexionamos sempre sobre as nosas necesidades: dende canto necesitamos para vivir dignamente ata se é verdadeiramente necesario mercar esa prenda de roupa... 

A ver, vivir con contradicións é inevitable, pero reflexionalas con amabilidade e sentido crítico cara a unha mesma para o ben global paréceme imprescindible.

Xestionamos a diario a ecoansiedade e tamén as emocións que xorden das barbaries que acontecen nas nosas parroquias e polo mundo adiante. Acompañámonos nesas emocións e penso que é moi importante dicilo: aprendemos a darlle espazo e falar destas cousas que nos preocupan dentro do horario do traballo (se o día o permite, claro).

E, por outra banda, como facemos pequenas cousas boas, polo ben da comunidade, entón durmimos moi tranquilas: estamos onde queremos estar. Sementamos o que queremos sementar e sentímonos agradecidas de estar no camiño que eliximos comezar un día, na época da pandemia. Vivimos con alegría a vida, aínda que ás veces nos queixemos.

Á comunidade dámoslle moitos bos servizos pensados e levados á práctica con traballo, profesionalidade e coidado: botade unha ollada ao noso catálogo.

E a maiores, queremos contarvos que temos tres novos proxectos que amamos moito:

1. Latexo de Raíz, que é un proxecto de participación comunitaria para a prevención dos incendios forestais.

2. ECOPATIOS, que vai da man dos ODS, e aínda vai máis alá destes. Busca comezar un proceso de transformación interna no colexio para ser máis sostibles e coaxudar ao alumnado a que sexa protagonista de como acadar o residuo cero dende o recreo. É unha proposta que conta cunha formación ao profesorado sobre como programar na LOMLOE con visión ecosocial. Para que o proxecto sexa verdadeiramente transformador ten que partir do currículo escolar para ser debidamente avaliado. 

3. Patios inclusivos, patios coeducativos: é un proxecto que busca redeseñar o patio do colexio levando a cabo as transformacións necesarias, para que o patio sexa un espazo amable, libre de violencias e opresións. Un patio deseñado polo alumnado para o alumnado. 

Penso que así poderiamos resumir como nutrimos a comunidade.

 

7. Actualmente, un dos temas máis importantes para a sociedade é a igualdade e a prevención de violencias machistas, que estades a facer neste ámbito e por que? A que público está orientado?

Pois dende Alalá S.Coop.Galega somos entidade organizadora e impartidora de formación a través de FUNDAE.

Agora mesmo temos unha colaboración coa compañeira Isabel Pereira, que é avogada. Xuntas impartimos a formación de igualdade e prevención do acoso sexual ás empresas.

Agora mesmo sobre esta temática estamos levando a cabo unha proposta para sementar e fomentar o valor da corresponsabilidade no alumnado de infantil do Concello do Rosal e levaremos a cabo unhas xornadas de conciliación con visión ecosocial, en decembro, no Concello da Guarda, que ten propostas de prevención das violencias machistas.

 

8. Cal é o voso valor engadido e que vos diferencia do resto de cooperativas deste ámbito? Cal é a pegada que queredes deixar?

Penso que nos pode diferenciar a visión da transformación ecosocial e os ecofeminismos: é a esencia presente nos servizos que ofrecemos.

Aínda non pensamos na pegada que queremos deixar. Pero si celebramos moitos pasiños que imos dando. Por exemplo, que formamos parte dun proxecto nacional que se chama Vínculo Ecosocial. Trátase dun proxecto educativo no que asesoramos e formamos a centros educativos sobre como realizar unha educación con enfoque ecosocial; creamos materiais didácticos con perspectiva ecosocial; realizamos formacións sobre educación ecosocial.

Sen dúbida, é moi inspirador ver como se materializa a idea desta transformación ecosocial, sentíndonos parte dunha rede na que traballamos xuntas para este cambio.

E somos socias de Espazo Coop (entidade de referencia do cooperativismo galego) e de REAS (Rede de Economía Alternativa e Solidaria).

Son entidades referentes e compañeiras, na nosa visión para camiñar cara un presente e futuro máis xusto, sostible e máis solidario.

 

9. Como animariades a calquera persoa a loitar por materializar ese soño de traballar no que verdadeiramente lles gusta? Como foron os inicios e como os superastes con éxito?

Animamos sempre a loitar por eses soños que fan ben á comunidade e a terra!

Con impulso e prudencia cara adiante, ben pegadiña a terra e con asesoramento na viabilidade económica do proxecto e pouquiño a pouquiño.

Os nosos comezos foron unha mestura perfecta entre motivación, constancia, moito traballo e tamén turbulencias nas nosas emocións: tocounos traballar dende a distancia durante o primeiro ano e nos primeiros meses tivemos algúns problemas de comunicación.

Era todo moi frenético e intenso. Sabiamos que así non podía ser, non estaba sendo moi asertiva a nosa forma de comunicarnos. Non queriamos crear o hábito de traballar así. Por esta razón, como boas irmás que poñen en práctica a prevención dos conflitos porque entendiamos o que estabamos vivindo: os inicios do noso emprendemento. O noso proxecto persoal e profesional. Tiñamos que coidalo e coidarnos mellor. Entón, antes que lamentar unha bola máis grande...

Decidimos investir tempo, atención e sesións de asesoramento nos coidados e na resolución dos nosos conflitos. Sabiamos que necesitabamos unha axuda externa para recolocar toda as nosas emocións e tamén para aprender cousas de Excel e de contabilidade.

Aprendemos moito coas compañeiras Mariola e Helena, de 50 pés. Aprendemos que sempre é importante atopar espazos de celebración, de reunións estratéxicas, de reunións de asemblea e reunións operativas (entre máis cousas). A verdade é que dende aquela nos organizamos moito mellor.

Cada dia aprendemos a ser boas señoras do noso propio emprendemento.

Os comezos, que aínda estamos aí, son inestables.

Pero paga a pena o esforzo, intentalo e motivarnos cos nosos proxectos e servizos para liderar a favor das nosas propias vidas, da comunidade e da terra!

 

Alalá EN DATOS

Ano de constitución: 2022

Sede: Rúa Primera Transversal Couto, 5, A Guarda (Pontevedra)

Persoal: 2

Web: alalacoop.es

 

Luns, 27 November, 2023 - 11:00

Compartir