Por admin_eu, 19 Julio, 2015
Resultados Rede Eusumo 2014. Nota de prensa

A REDE EUSUMO ALCANZA XA AS 68 ENTIDADES ASOCIADAS NO SEU TERCEIRO ANO DE FUNCIONAMENTO

•    No 2014 a Rede Eusumo adhire 27 novas entidades, o que supón que a Rede alcance a cifra de 68 entidades asociadas no seu terceiro ano de funcionamento.

•    No marco da Rede constituíronse no último ano 21 cooperativas de diversos sectores, o que supón a creación de 95 postos de traballo. Dende a súa creación á rede eusumo apoiou xa a constitución de 98 cooperativas.
•    A través da Rede Eusumo, obtiveron titorización e asesoramento personalizado en materia de cooperativismo e economía social máis de 134 grupos promotores, o que supón un total de 477 persoas implicadas.

•    A Rede celebrou un total de 171 actividades de divulgación e sensibilización para o fomento cooperativo, a través de obradoiros, seminarios, e xornadas, cunha asistencia de 3.450 persoas.

•    Actualmente, a Rede Eusumo conta con máis de 5.000 seguidores nas redes sociais e está presente nas principais plataformas.

Santiago de Compostela 05/03/2015. Dada a importancia do cooperativismo e da economía social no desenvolvemento económico de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar por medio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, e máis concretamente a través da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, leva a cabo unha labor constante de fomento e promoción do cooperativismo e da economía social na comunidade galega.
Un dos programas que se está levando a cabo dende o ano 2012 co fin de dar a coñecer a fórmula cooperativa e crear emprego de calidade é a Rede Eusumo, unha Rede destinada a unificar esforzos en materia de cooperativismo e economía social e que se estende por toda a xeografía galega e outras rexións da xeografía española e transfronteirizas.
A Rede Eusumo pon a disposición da cidadanía, ferramentas de apoio e divulgación tales como:

  •      Asesoramento e titorización personalizado por parte dos técnicos de emprego da Rede Eusumo a cooperativas e emprendedores.
  •      Acompañamento en todo o proceso de constitución da cooperativa.
  •      Axudas e subvencións a emprendedores e ós distintos axentes implicados.
  •      Actividades de divulgación e sensibilización para o fomento do cooperativismo, a través de obradoiros, seminarios e xornadas.
  •      Divulgación das vantaxes e características deste modelo empresarial.

Centros cooperativos de atención permanente 2014 e Oficinas de Fomento Coopeativo (OFC)
A Rede Eusumo conta con centros cooperativos de atención permanente distribuídos ao longo de toda a xeografía galega. Estes centros contan con persoal técnico propio en materia de cooperativismo e economía social de maneira continuada. As actividades propias dos técnicos da Rede Eusumo concéntranse na difusión, información, formación, orientación e asesoramento no ámbito cooperativo e de economía social.
O asesoramento e acompañamento dos técnicos propios da rede comprenden a proxectos empresariais cooperativas, dende a maduración da idea de negocio, posta en marcha do proxecto e acompañamento nas primeiras etapas de vida do mesmo. Ademais préstase apoio directo as cooperativas xa constituídas en materia societaria, asesoramento de novos proxectos, comercialización de produtos, ou desenvolvemento e introdución nas TIC.
Os centros cooperativos de atención permanente postos a disposición da Rede pola consellería e polas entidades colaboradoras durante o ano 2014 son os seguintes:

  •      Fundación Terra de Trasancos – Cooperativa O Val (O Val, Narón). Área de influencia: Norte da provincia da Coruña.
  •      Fundación Feiraco (Ponte Maceira, Ames). Área de influencia: provincia da Coruña, zoa central.
  •      Confederación de Empresarios de Lugo (Lugo). Área de influencia: provincia de Lugo.
  •      Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Ourense (Ourense). Área de influencia: Ourense cidade.
  •      Centro de desenvolvemento cooperativo transfronteirizo de Verín (Verín, Ourense). Área de influencia: Provincia Ourense – este e Portugal
  •      Fundación Coren (Rozamonde, Cenlle). Área de influencia: Provincia Ourense – Oeste.
  •      Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo (Vigo, Pontevedra). Área de influencia: Norte Provincia de Pontevedra.
  •      Cámara de Comercio Tui (Pontevedra). Área de influencia: Sur Provincia de Pontevedra e Norte de Portugal.

Como puntos de información e asesoramento están tamén as Oficinas de Fomento Cooperativo. As OFC son Mancomunidades e Agrupacións de Concellos que contan cun técnico de cooperativismo propio de maneira permanente. Estes técnicos encárganse do desenvolvemento das seguintes accións no ámbito local da súa OFC: difusión, información, formación, orientación e asesoramento no ámbito cooperativo e de economía social.
O número de oficinas de fomento cooperativo no 2014 ascendeu a 18 e seu ámbito directo de actuación acada o territorio de 103 concellos de toda Galicia.
A Consellería de Traballo e Benestar apoia as accións, actividades e técnicos das OFC a través de axudas directas a este tipo de entidades.

As entidades colaboradoras da Rede Eusumo
As entidades colaboradoras son aquelas que teñan interese no desenvolvemento da economía social, no apoio ao emprendemento ou no desenvolvemento local e que soliciten a súa adhesión, poñendo a disposición da Rede algún dos medios e recursos dos que dispoñan, tales como infraestruturas e servizos. Entre as entidades que poden adherirse están as administracións públicas, as asociacións de entidades de economía social, as sociedades cooperativas galegas, as fundacións e asociacións e as universidades, as cámaras de comercio, as organizacións profesionais, empresariais e sindicais, así como outras entidades sen ánimo de lucro.
No ano 2014 o número de entidades colaboradoras ascendeu 68, o que supón 27 socios novos adheridos a Rede respecto a o ano anterior, algún deles situados fora da nosa comunidade. Entre estas entidades atópanse cámaras de comercio, universidades, asociacións, fundacións, deputacións, sociedades cooperativas galegas, oficinas de fomento cooperativo, concellos, asociacións vinculadas co emprendemento, administración autonómica, asociacións de cooperativas, asociacións de desenvolvemento rural e asociacións de economía social.

Actividades da Rede Eusumo no 2014
Como se mencionou anteriormente, a través da rede, foméntase o cooperativismo en tódolos niveis, dende a divulgación dos valores que representa o traballo colaborativo nos centros de ensino, como a realización de actividades de divulgación e sensibilización para o fomento do cooperativismo, ata o acompañamento e asesoramento a cooperativas o proxectos cooperativos.
Ao longo do 2014 a Rede Eusumo levou a cabo accións de titorización e asesoramento personalizado en materia de cooperativismo e economía social a máis de 134 grupos promotores, o que supón un total de 477 persoas implicadas. Estas accións de titorización e asesoramento permitiu a constitución de 21 cooperativas no marco da rede, o que supón a creación de 95 postos de traballo. Dende a súa creación á rede eusumo apoiou xa a constitución de 98 cooperativas.
En relación as actividades de divulgación e sensibilización, a Rede Eusumo impulsou no último ano 171 actividades para o fomento do cooperativismo, o emprendemento e o autoemprego, a través de obradoiros, seminarios e xornadas, cunha asistencia total de 3.450 persoas. Estas actividades dirixíronse a público de diversa índole, dende persoas interesadas na economía social ata cooperativistas de moitos anos de experiencia que pretenden mellorar a súa implantación no mercado.
Ademais das actividades descritas, a Rede Eusumo participou noutros eventos co obxectivo dar maior difusión e promoción ao cooperativismo, entre os que pode destacarse a Semana Verde de Silleda, participación na feira de emprego PonteEmprego e Feira do Moble na Estrada, Ciclo de eventos Motivación Emprendedora organizado pola CIP Coruña, Programa YUZZ emprendedores, I Encuentro Europeo de Prácticas de Cooperativas, Cooperland., programa Networking Galicia 2014, entre outros.
Dentro do plan de actuación 2014 tamén elaboráronse 6 novos manuais divulgativos e formativos en materia de cooperativismo. Cada un deles ten un público destinatario diferente, cubrindo así as diferentes necesidades que xorden no proceso de elaboración dun proxecto baixo a fórmula da economía social.
Por último destacar que estase a traballar tamén na mellora da imaxe do cooperativismo en Galicia. Proba disto son os máis de 5.000 seguidores cos que conta a Rede Eusumo nas distintas plataformas nas que está. Actualmente estase traballando en 4 plataformas: Facebook, Twiter, Tuenti e Youtube, e búscase ampliar esta presenza con perfís en Skype e Google Plus.

Para máis información:
Tlf: 981 55 80 08
info@eusumo.coop
www.eusumo.coop

Descargue a nota de prensa aquí

Resultados Rede Eusumo 2014. Nota de prensa

Data

Categoria

Tags